
Enlace Do Encontro: (SM) BM Culleredo - Calvo Xiria
O BM.Culleredo e o Calvo Xiria disputaron un apaixonante derbi que finalmente caeu ao lado dos de Carballo e que estivo marcado pola igualdade reinante ao longo dos sesenta minutos. O partido gozaría dun ambiente insuperable nun municipal de Tarrío repleto de afeccionados de ambos os conxuntos que vibraron co espectáculo e a posta en escena no 40x20. Nunha primeira parte de altibaixos, con erros por parte de ambos os equipos e alternativas de xogo, os Cullerdenses comenzarían mandando no electrónico e no xogo (6-3), pero os bergantiñáns respondían cun 0-4 de parcial para tomar a dianteira (6-7) e retiraríanse ao tempo de descanso vencendo pola mínima (10-11), quedando así todo por dilucidar na continuación. A mellor xestión das desigualdades a cargo do Calvo Xiria comezaría a dar os seus froitos para seus intereses, incluído un mal cambio dos cullerdenses que aproveitarían para establecer un 0-2 que facía moito dano ante a igualdade reinante. O outro problema co que se topaba o BM.Culleredo tiña nome e apelidos, xa que Antonio Mato desbarataba ocasións de lanzamento moi claras na portería visitante, incluíndo dous penaltis. O partido estaba no aire e renovábase unha segunda parte que continuaba cun guión similar. O BM.Culleredo parecía atascarse en ataque, afastado da fluidez e continuidade desexable, pero a retagarda contiña as posibilidades de distanciamento do seu rival e sumía o partido na incerteza do resultado final. O Calvo Xiria defendía a súa vantaxe con uñas e dentes grazas, entre outras cousas, o traballo dunha portería en estado de graza que desbarataba de forma recorrente as opcións de achegamento do seu rival e entraba nos últimos tres minutos cunha vantaxe de catro goles que parecía ouro para os seus intereses. Os cullerdenses optaban entón por queimar todas as naves xogando sen porteiro na procura da vitoria e conseguían revolucionar os instantes finais con opcións de alcanzar algo positivo. Un mal cambio de novo, no momento máis inoportuno, deixaría entón ao BM.Culleredo practicamente sen posibilidades de acadar algo positivo ao non poder seguir explotando o 7x6 e os dous puntos terminarían por caer definitivamente nas mans dos bergantiñáns. O equipo xa está a pensar no importante encontro que disputará a semana que ven na Cañiza ante un rival tamén necesitado de acadar a vitoria.
BM. Culleredo: 22 (10+12). Marco González (p), Oscar Bello (p), Hugo Bermúdez, Hugo Rodríguez, Roi García (5), Iván Sánchez (5), Roi Fdez, Alexis Martínez (1), Adrián Veira, Adrián Díaz, Marco García, Nicolás Casal (1), Nuno Loxo (6), Teo Gómez, Marcos Regueiro (2), Alejo Martínez (2).
Calvo Xiria: 25 (11+14). Antonio Mato (p) (1), Darío J. Calviño (p), Gabriel Castiñeiras (4), David García (2), José Manuel Negreira (1), Pablo Veiga, Julián García (3), Saúl Fuentefría, Hugo Rodríguez (3), Nicolás Cancela, Samuel Veiga, Julián López (1), Diego Gago (3), Marcos Varela, Senén Garea (1), Daniel Periscal (6).
Parciais cada 5 ́: 2-2 / 6-3 / 6-7 / 7-9 / 9-9 / 10-11 / Descanso / 11-12 / 14-13 / 14-14 / 14-16 / 17-20 / 22-25 / Final.
Colexiados: Ángel Mateos e Miguel Ángel Indiano.
Incidencias: 4ª xornada no grupo "A" da 1ª nacional masculina e derbi provincial. Partido disputado nun municipal de Tarrío con unha excelente entrada e bancada repleta de siareiros de ambos os equipos.
Fotos Do Partido: https://photos.app.goo.gl/HtDkLFknSbC3ZwRo7
