
As nosas guerreiras debutaban este ano no campionato regular ante o Balonmán Brigantium da Coruña. Un encontro no que as nosas querían plasmar a mellora no seu xogo, sobre todo na fase ofensiva, baseada na velocidade de balón e na anticipación ás accións defensivas do rival.
Na primeira metade, o Brigantium foi superior ás nosas, que non eran capaces de frear o ataque coruñés. Na fase ofensiva, o plantexado tampouco estaba a saír como se esperaba, pero en ningún momento deixaron de loitar, e esa foi unha das claves para poder manterse con opcións no encontro.
Un equipo minguado por numerosas baixas, algo que finalmente acabaría notándose. Nunca é doado competir ante calquera rival cando o equipo aínda está en proceso de recuperar a diferentes compañeiras, pero precisamente nestas situacións é onde se demostra a fortaleza dun gran equipo e dun gran colectivo. Ante a adversidade, o Ares y Fuertes foi capaz de manterse vivo no encontro, a pesar de chegar ao descanso cunha desvantaxe de catro goles.
Na segunda metade, con paciencia e moito orgullo, as nosas xuvenís foron capaces de ir reducindo a desvantaxe. A mesura e a capacidade de loita foron as claves para que o Ares y Fuertes puidese ir resolvendo os problemas que lle ocasionaba a defensa do equipo coruñés. Mentres tanto, na fase defensiva, o nivel de intensidade e concentración incrementábase, permitindo dar un pasiño máis, poñerse por diante no marcador e acabar conquistando os primeiros dous puntos da tempada.
Moi importante o carácter mostrado neste primeiro encontro, xa que pode marcar unha tendencia de cara ao resto da tempada.
Nunca é doado remontar un encontro de balonmán. Cómpre ter moita paciencia, saber manter a calma nos momentos complicados e, sobre todo, demostrar un gran espírito de loita. Nesta ocasión, as nosas guerreiras souberon interpretar perfectamente o que esixía o encontro, demostrando que, mesmo nas circunstancias máis adversas, o traballo colectivo, a perseveranza e o orgullo poden acabar marcando a diferenza.
Resultado final : Bm Brigantium 29- Bm Culleredo Ares y Fuertes 30
Bm Brigantium :Daniela Gallego, Carmen Vrela, Sara Leis, Uxia Ameijenda, Daniela Rodriguez, Celia Gonzalez, Valeria Amejenda, Martina Cousido, Icia lopez
Bm Culleredo Ares y Fuertes: Aldara Piñeiro, Sara Fernández, Carmela Erias, Maria Otero, Cintia Miguez, Luana Gómez, aNTÍA Ferreño, Eva Outón , Rosalia Veiga, Daniela Pérez,Alba Fernández y Martina Arroyo.
Árbitros:Alexis Martinez y Victor Pérez.
Incidencias:Primeira xornada da liga prata do grupo A , disputado no pavillón municipal de San Francisco Javier
