
O BM.Culleredo Despreocúpate.es, recibía ao BM.Ribadosar despois da fantástica vitoria conseguida a fin de semana pasada en Arteixo nun partido que enfrontaba aos dous primeiros clasificados. Eses dous puntos vitais conseguidos no municipal de Galán, había que ratificalos en casa ante o conxunto de Santiago (BM.Ribadosar), tendo en conta que BM.Arteixo (Líder cun partido e un punto máis que os cullerdenses) e OAR Coruña (terceiro clasificado) se enfrontaban no pavillón Santo Francisco Javier. O BM. Culleredo Despreocúpate.es non daría opcións ao seu rival e afrontaría con responsabilidade o envite, erixíndose dominador ao longo dos sesenta minutos en todas as fases do xogo. O dinamsimo e a velocidade eran unha dos acenos de identidade que os cullerdeses desexaban impoñer no encontro e o seu rival, o BM.Ribadosar, tentaba frear esta idea con ataques longos e pausados, moitos deles ao bordo do pasivo que, por non ser sinalados, desesperaban a retagarda do conxunto de Culleredo que caía no erro da falta de paciencia nesta fase defensiva. Por contra, cando se poñía en marcha a fase de ataque, ben na transición ou no posicional, o BM.Culleredo Despreocúpate.es conseguía xerar as súas ocasións de finalización con notable clarividencia, sumando goles de forma moi rápida e sen apenas oposición. O 22-15 que reflectía o marcador ao termino dos primeiros trinta minutos establecía unha distancia cómoda para os cullerdenses que, con todo, necesitaban mellorar a concentración en tarefas defensivas. Sería no segundo período cando as diferenzas se farían máis evidentes entre os dous conxuntos, impoñendo o seu ritmo os cullerdenses e sufrindo os visitantes ante a velocidade do rival. As rotacións locais cumprirían notablemente para manter a vertixe e que non minguase un dinamismo que estaba a dar tanto e tan positivo ao equipo de Culleredo. Finalmente, a gran diferenza establecida no marcador (50-29), reflicte perfectamente o transcorrer dos sesenta minutos e outorga ao BM.Culleredo Despreocúpate.es eses dous puntos tan importantes para depender de se mesmos na última xornada desta fase ante o BM.Línea 21.
BM.Culleredo Despreocúpate.es: 50 (22+27). Xurxo Méndez (p), Jorge García Serantes(p), Fran Hermo (p), Jorge García García, Hugo Fariña, Aitor Fariña, Hugo Jiménez, Nicolás González, Marco Sesar, Iker Cacheiro, Pablo Cacheiro, Jacobo Soto, Mario Prada, Roi Romero, Oliver Borrazás.
BM.Ribadosar: 29 (15+14). Manuel Ledo, Mario Rey, Daniel Suárez, Marcos Alonso, Mauro Canto, Oliver Molina, Javier Lerma, Rodrigo Gómez, Antonio Pereira, Dago González, Xoel González, Lucas Taboada, Rodrigo Gómez, Juan Mosqueira, Jacobo Rodríguez, Fabián Pajaro.
Parciais cada 5´: 4-2 / 8-3 / 10-6 / 13-6 / 17-11 / 22-15 / Descanso / 28-17 / 32-20 / 58-22 / 40-23 / 47-26 / 50-29 / Final.
Colexiado: David Paz.
Incidencias: 6ª xornada na Clasificación a liga Prata (Grupo B). Partido entre os equipos de Culleredo e Santiago disputado nun polideportivo de Almeiras con moi boa entrada.
