Saltar ao contido

O ARES Y FUERTES SUFRE PERO SACA UNA VICTORIA CON VALORES.

Primeiro encontro do Ares y Fuertes na segunda fase da Liga Prata, co pavillón municipal de Almeiras como escenario. As nosas guerreiras comezaban moi fortes cunha defensa 6:0 dominante, que provocaba perdas de balón do Sanxenxo ou situacións pouco efectivas. A intensidade e a orde defensiva estaban a marcar unha boa dinámica e, na fase ofensiva, atopábanse solucións.

Un contundente 11-3 era o parcial nos primeiros 15 minutos de xogo, pero o ataque comezou a atascarse e, sumado aos erros de lanzamento, permitiu que o Sanxenxo recortase as diferenzas ata chegar ao descanso cun 14-10. Pasouse dun dominio absoluto á aparición de dúbidas que o equipo visitante comezou a aproveitar para meterse no encontro.

Resultado ao descanso: Bm Culleredo Ares y Fuertes 14 – Bm Sanxenxo 10.

Na segunda metade, a pesar de atopar boas situacións, non se conseguían transformar as ocasións en goles e o Ares y Fuertes volvía ter dificultades para marcar. Aínda que a defensa local, neste caso un 5:1, estaba a ser correcta, o equipo visitante seguía recortando distancias. A descoordinación entre moitas xogadoras na fase ofensiva, sen apenas velocidade de xogo nin circulación de balón, estaba a favorecer o Sanxenxo.

Co Sanxenxo xa metido no encontro, chegou unha descualificación directa ao adestrador do equipo local. O Ares y Fuertes tivo que sacar, unha vez máis, os valores que tantos anos levamos vendo, nas boas e nas malas. Unha situación moi atípica na que estas rapazas quedaron sen o seu referente habitual no banco e cun resultado dun gol por debaixo.

Esta situación fíxoas máis fortes e, cun esforzo e unha coraxe sobrehumanos, conseguiron non recibir ningún gol nos últimos compases do encontro, resolver o partido e levar os dous primeiros puntos da segunda fase.

Dous puntos de sufrimento que teñen moito valor emocional, un factor que ás veces supera calquera aspecto técnico-táctico. Noraboa polo esforzo durante todo o encontro, sobre todo na parte final.

Resultado ao final do encontro : Bm Culleredo Ares y Fuertes 21- Bm Sanxenxo 20

Bm Culleredo Ares y Fuertes : Sara Fernández, Aldara Piñeiro, Luana Gómez, Cintia Miguez, Alba Fernandez, Maria Otero, Antía Ferreño, Eva Outón , Carmela Erias, Rosalia Veiga, Martina Arroyo , Daniela Pérez, Lola Romero ,Aitana Gestal, Noa Otón y Sara Villar .

Bm Sanxenxo:Lúa Rodiño, Sara Salomón, Ainara Portela, Alexia Mosquera, Irene Torres, Sara Novas, Clara Fernández, Laura Conde, Manuela Padín, Sara Vlad, Sara González

Árbitro : Pablo Torreiro

Incidencias: Primeira xornada da segunda fase da liga prata xuvenil feminino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *