
Enlace partido: WSCAN CIUDAD DE TACORONTE - B M CULLEREDO
O BM.Culleredo atopouse nunha situación similar en Tenerife á ocorrida sete días atrás e é que os cullerdenses, atopáronse pronto cun marcador adverso para, posteriormente, reducir as diferenzas e ter opcións de sacar algo positivo no último tramo de partido. Con todo, do mesmo xeito que no anterior partido contra o BM. Ingenio, a portería local e os erros non forzados neses últimos instantes, farían imposible a remontada ante un BM.Tacoronte que quedaría cos dous puntos. Os insulares foron superiores no cómputo xeral do partido e entraron moitísimo mellor no envite, cunha intensidade que minimizou ao conxunto de Culleredo de forma moi evidente. A sobreexcitación do conxunto de Tenerife era tal que se movía nuns parámetros defensivos ao límite do regulamento e isto opacou por completo a un BM.Culleredo que se vía sobrepasado pola posta en escena dos locais. O 7-1 inicial, era o claro exemplo do dominio en todas as fases do xogo dun conxunto expoleado polo seu público. Os cullerdenses víanse obrigados a solicitar o seu primeiro tempo morto para frear a sangría e recompoñer a situación, conseguindo aplacar dalgunha maneira o ímpeto inicial e pechar todas as vías de auga para que a diferencia non siguera incrementándose. Un 15-10 ao descanso, aínda daba esperanzas ao conxunto de Culleredo nos segundos trinta minutos. Na continuación, o BM.Culleredo mostrou os seus mellores minutos, reducindo aos poucos a vantaxe local e conseguindo chegar ao minuto oito cun marcador de 16-14. O equipo xa estaba metido plenamente no encontro con máis de vinte minutos por xogar. Non se alterarían os tinerfeños nin variarían a súa folla de roteiro: confiados na contundencia da súa retagarda e facendo dano en ataque na conexión co seu pivote, non darían opcións ao sorpaso. A diferenza xa non baixaría deses dous tantos e terminaría por moverse de forma recorrente entre tres e catro goles. O partido estaba no aire cun 25-22 a falta de cinco minutos para a finalización, pero un 5-1 de parcial conseguido polos locais cando o BM.Culleredo asumía o risco ao xogar sen porteiro, terminaría con calquera opción de lograr algo positivo no municipal de Tacoronte.
Ciudad De Tacoronte WSCAN Lecomar 13 De Mayo: 30 (15+15). Marcos Serrano (2), Juan Pedro Busch (9), Javier García, José Manuel Urrutia, Owen Fraind, Víctor Manuel Oliva (1), Isaac Martín, Jonas Jesús Pérez (5), Oscar Pérez, Markel Moreno (4), Juan Diego Fenoy (2), Adrián González, Alejandro Ruiz, Adrián Yumar (7), Carlos Abián.
BM. Culleredo: 23 (10+13). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Josemi Martínez, Roi García (6), Iván Sánchez (5), Adrián Veira (1), Adrián Díaz (1), Marco García (1), Nicolás Casal (5), Nuno Loxo (3), Marcos Regueiro (1), Alejo Martínez.
Parciais cada 5 ́: 7-1 / 8-2 / 10-4 / 11-5 / 13-8 / 15-10 / Descanso / 16-12 / 18-15 / 20-17 / 23-19 / 25-22 / 30-23 / Final.
Colexiados: Javier García e Pablo Sebastián Naranjo.
Incidencias: 3ª xornada no grupo "A" da 1ª nacional masculina. Partido disputado no municipal de Tacoronte.
