
Esta fin de semana, Culleredo tiña unha cita ineludible co balonmán, concretamente co BM Culleredo Sutenor, que afrontaba o Play Off de clasificación para a Liga Ouro.
Unha fin de semana chea de balonmán nos pavillóns de Almeiras e Tarrío, onde o Xiria de Carballo, o BM Caselas, o Atlético Guardés e o BM Culleredo Sutenor buscaban as dúas prazas que daban acceso á Liga Ouro.
PRIMEIRA XORNADA | BM CULLEREDO SUTENOR – BM CASELAS
No primeiro encontro da xornada, o Atlético Guardés conseguía a vitoria ante o Xiria de Carballo.
No segundo partido chegaba a quenda das nosas guerreiras, que comezaban o Play Off con bo pé, dominando o encontro ante o BM Caselas. Xa na primeira metade, o Sutenor conseguía abrir diferenzas de ata seis e sete goles.
O equipo cullerdense formulaba unha defensa 5:1 que funcionou moi ben nos primeiros compases, aínda que no tramo final da primeira metade comezou a atopar máis dificultades. As situacións de 1x1 e, especialmente, os 2x2 con cortes de pivote estaban a poñer en apertos a defensa local.
Na fase ofensiva, pola contra, o Sutenor amosábase superior ante a defensa 6:0 proposta polo conxunto de Salceda.
Na segunda metade, a defensa cullerdense acabou por romper definitivamente o encontro. O equipo foi quen de encaixar tan só oito goles nos 25 minutos restantes, algo que permitiu correr, aumentar o ritmo e ampliar progresivamente a diferenza ata achegarse aos vinte goles.
Resultado final: BM Culleredo Sutenor 41–23 BM Caselas
SEGUNDA XORNADA | BM CULLEREDO SUTENOR – ATLÉTICO GUARDÉS
Na segunda xornada, o BM Caselas conseguía os seus dous primeiros puntos tras impoñerse ao Xiria de Carballo.
No segundo partido chegaba, posiblemente, o encontro máis igualado e esixente da fin de semana. O Sutenor conseguía unha importante vitoria ante o Atlético Guardés nun choque marcado pola alta intensidade, un ritmo de xogo moi elevado e, sobre todo, pola igualdade no marcador.
O Sutenor mantiña a súa aposta pola defensa 5:1 e atopaba certos momentos de superioridade, aínda que o encontro se mantivo sempre nun fío.
A intensidade e o contacto físico obrigaron ás nosas a realizar un esforzo extra para dobregar ao conxunto visitante. No tramo final, o equipo cullerdense foi quen de conseguir unha pequena vantaxe de tres goles que lle permitiu afrontar os últimos minutos con maior tranquilidade.
Un triunfo de enorme importancia que aseguraba matematicamente o pase á Liga Ouro a falta dunha xornada por disputar.
Resultado final: BM Culleredo Sutenor 35–32 Atlético Guardés
TERCEIRA XORNADA | E.BM. XIRIA – BM CULLEREDO SUTENOR
Na última xornada, o BM Caselas non puido despedirse cunha vitoria e o Atlético Guardés impúxose cunha ampla diferenza, conseguindo así tamén o seu pase á Liga Ouro.
No derbi provincial, o Xiria de Carballo saíu á pista cunha defensa avanzada 3:3 que conseguiu poñer en serias dificultades ao Sutenor. O conxunto carballés chegou a abrir unha diferenza de cinco goles ante un equipo cullerdense que non atopaba solucións.
O primeiro tempo morto, solicitado no minuto 9, non conseguiu cambiar de inmediato a dinámica do encontro. Tras un segundo tempo morto no minuto 15, o Sutenor tiña por diante un novo reto: remontar un partido ante unha defensa que estaba a xerar moitos problemas.
Pouco a pouco, as nosas foron reaccionando ata conseguir igualar o marcador antes de chegar aos vestiarios.
Descanso: 20–20.
Na segunda metade, o Sutenor deu un paso adiante. O equipo amosou maior autoridade, atopou mellores solucións ante a defensa rival e acabou impoñéndose a un Xiria que estivera moi ben plantado durante boa parte do encontro na pista de Tarrío.
O Sutenor conseguía así a súa terceira vitoria da fin de semana, completando un Play Off perfecto e, sobre todo, acadando o gran obxectivo: a clasificación para a Liga Ouro.
Resultado final: E.BM. Xiria 30–44 BM Culleredo Sutenor
Xogaron por parte do Bm Culleredo Sutenor:Helena Portas, Aldara Allegue, Aroa Martínez, Candela Tizón, Aroa Bestilleiros, Salma Martínez, África Gómez, Emilia de Castro, Noa Otón, Yasmin Gabarri, Sofía Orge, Aitana Gestal, Uxía Seoane, Sara Villar e Carmen García.
Noraboa por todo o esforzo realizado durante esta fin de semana. As cousas non se regalan, hai que traballalas e loitalas en cada momento. Cada día é unha nova aprendizaxe e debemos ser conscientes diso para seguir medrando como equipo.
Despois dunha fin de semana intensa e coa clasificación para a Liga Ouro xa conseguida, toca continuar traballando. A próxima fin de semana será momento de viaxar a Redondela para afrontar un dos encontros máis complicados do ano.
Por diante queda unha nova semana de adestramentos na que teremos que demostrar a actitude, o compromiso e a intensidade que queremos trasladar á pista a próxima fin de semana.
