
O Ares y Fuertes afrontaba con ilusión unha intensa fin de semana no Play Off de Redondela, onde as nosas guerreiras buscaban conseguir o seu pase á Liga Ouro.
O Play Off comezaba ante o equipo local, a S.A.R. O encontro iniciouse de maneira moi irregular pola nosa parte, con numerosas perdas de balón nos primeiros minutos. Aínda así, o Ares y Fuertes foi quen de reaccionar, recuperar sensacións e meterse de cheo no partido, completando unha boa primeira metade.
Na segunda parte, un parcial moi negativo acabou marcando o encontro. De novo, as perdas de balón estaban a lastrar o xogo das nosas e impedían que o equipo puidese asentarse defensivamente, xa que moitas delas remataban en rápidos contraataques do conxunto local. A diferenza no marcador foi aumentando e o equipo cullerdense xa non foi quen de reducir distancias.
Faltou precisión e unha mellor adaptación ao modelo de xogo, pero, aínda así, o equipo non deixou de loitar en ningún momento e rematou o encontro coa cabeza ben alta.
No segundo partido, as nosas tiveron un gran comezo ante o BM Sanxenxo, dominando o encontro e amosando unha versión moito máis sólida e competitiva.
Ninguén dubida do carácter deste equipo. Durante o encontro quedaron reflectidos moitos dos valores que queremos ver na pista: garra, intensidade, compromiso e pundonor. Unha vitoria moi importante nesta segunda xornada que permitía chegar ao último partido con opcións de clasificación para a Liga Ouro.
No derradeiro encontro, o Ares y Fuertes non estivo fino e atopouse cun Meaño moi sólido. A súa forte defensa fixo mella no ataque cullerdense e dificultou moito que as nosas puidesen entrar realmente no partido.
A intensidade defensiva e un ataque moi vertical por parte do Meaño foron inclinando pouco a pouco o encontro ao seu favor. As nosas, con moita valentía, intentárono ata o final, pero nesta ocasión non foi posible conseguir o obxectivo marcado.
Finalmente, non puido ser e o Ares y Fuertes competirá esta tempada na Liga Prata, unha competición que se presenta moi esixente polo nivel dos equipos que a formarán.
Agora toca seguir traballando. Os obxectivos seguen sendo exactamente os mesmos e nada cambia. A formación e a evolución das xogadoras son a nosa prioridade e é por iso polo que traballamos cada día.
Un Play Off que remata, pero unha tempada que non fixo máis que comezar.Forza Culle.
Resultados:
S.A.R Redondelas 38 Bm Culleredo Ares y Fuertes 17
Bm Sanxenxo 22- Bm Culleredo Ares y Fuertes 30
Bm Culleredo Ares y Fuertes 21 -Asmubal Meaño 31
Por parte do Balonmano Culleredo xogaron ; Sara Fernández, Helena Portas, Aldara Piñeiro, Luana Gómez, Cintia MIguez, Maria Otero, Alba Fernandez, Eva Outón, Antía Ferreño, Rosalia Veiga, Carmela Erias, Noa Otón, Daniela Pérez, Lola Romero , Claudia Soto , Martina Arroyo , África Gómez y Sara Villar.
Incidencias: Play Off disputado no pavillón da Bombonera en Redondela.
