Saltar ao contido

UNHA FINDE SEMANA DE 10 PARA O REMAX RIAZOR

Novo reto para o Remax Riazor, que viaxaba ata A Guarda coa intención de demostrar que pode competir e loitar por unha praza na Liga Ouro. As nosas miniguerreiras tiñan por diante unha fin de semana moi esixente na que debían demostrar que son capaces de competir ante calquera rival.

Tres partidos nunha mesma fin de semana, un encontro cada día. A dificultade era máxima para un plantel moi novo, pero este grupo está a demostrar que ten moita ambición e, sobre todo, unha enorme capacidade de traballo.

O primeiro encontro tocaba disputalo ante o equipo local, o Atlético Guardés, un dos clubs referentes do balonmán galego e cun primeiro equipo que compite na máxima categoría do balonmán nacional e que recentemente se proclamou campión de Europa.

O encontro estivo marcado pola igualdade durante boa parte dos minutos, aínda que o conxunto local parecía estar un pasiño por diante en determinados momentos. A maior madurez deportiva dalgunhas das súas xogadoras estaba a crear moitos problemas á defensa 3:3 do Remax Riazor.

Pola súa banda, a defensa 5:1 do equipo local, moito máis pechada, xeraba dúbidas no ataque cullerdense. Aínda así, as nosas souberon atopar solucións e resolver moitas das situacións ofensivas que se lles presentaron.

Nesta ocasión, o equipo local acabou levando a vitoria e os primeiros dous puntos en xogo.

No segundo encontro repetíase rival con respecto á fase de clasificación: o Atlético Novás, outro histórico do balonmán galego. Nesta ocasión, as nosas volveron ser superiores, dominando o xogo en todas as súas fases.

Na fase defensiva, o encontro estivo marcado polas interceptacións e as rápidas saídas ao contraataque, mentres que, na fase ofensiva, unha das claves foi o desmarque sen balón. Todo isto permitiu ao Remax Riazor conseguir unha vantaxe cómoda no marcador, afrontar o tramo final con tranquilidade e sumar os seus primeiros dous puntos da fin de semana.

O domingo disputábase o derradeiro encontro ante o BM Tui. Un partido de constantes subidas e baixadas, pero cunha intensidade moi alta por parte dos dous equipos. Ninguén quería quedar fóra do encontro.

A igualdade foi a protagonista durante boa parte do partido, aínda que o Tui conseguiu chegar aos últimos minutos cunha vantaxe de tres ou catro goles. As nosas non baixaron os brazos e reaccionaron no tramo final, conseguindo recortar diferenzas e levar o partido ata os últimos instantes. Finalmente, xa non houbo tempo para máis e o BM Tui levou o encontro por tan só un gol de diferenza.

Moi boa fin de semana para este grupo de rapazas, que segue demostrando que sabe competir. Aínda queda moito por ver e por mellorar, xa que isto non fixo máis que comezar.

Agora toca agardar pola determinación da Federación Galega de Balonmán para coñecer definitivamente se o Remax Riazor competirá na Liga Ouro ou na Liga Prata.

Pero, independentemente da categoría, os obxectivos non van cambiar. Seguiremos traballando para formar xogadoras de balonmán e construír un grupo deportivo tanto dentro da pista como fóra dela.

E precisamente iso foi outra das grandes conclusións desta fin de semana. As rapazas compartiron tres días de competición, convivencia e experiencias xuntas, facendo grupo máis alá do resultado de cada partido.

Porque isto tamén é competir, isto tamén é formar e isto é, verdadeiramente, o Balonmán Culleredo.

Resultados:

Atlético Guardés 30- Bm Culleredo Remax Riazor 24

Atlético Novás 21- Bm Culleredo Remax Riazor 30

Bm Culleredo Remax Riazor 32 Bm Tui 33

Xogaron por parte do balonmán Culleredo Remax Riazor : Sofía Calvo , Mariña Garaboa,Sara Arcay,Valeria Diaz,Celtia Fernández,Sofia López, Ana Penelas, Martina Villaverde, Olivia Pan , Daniela Manteiga, Sabela Lamas, Olivia Pan , Andrea Muños, Luca Peña, Paula Gandara,

Incidencias: Play Off xogado no pavillón de A Sangriña en A Guarda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *