Saltar ao contido

CLASIFICACIÓN AGRIDOCE DO BM.CULLEREDO GALAICO CARAVANING, QUE PARTICIPARÁ NA LIGA OURO

O BM.Culleredo Galaico Caravaning disputou esta fin de semana o Play-Off da categoría en Lalín, un grupo complicado con dous equipos máis da provincia da Coruña ademáis do BM.Culleredo (Abegondo e Línea21) e un de Pontevedra, o anfitrión BM.Lalín. Os catro conxuntos estarían na disputa desde o Venres ao Domingo co obxectivo de conseguir unha das dúas prazas que desen o billete para participar na máxima competición galega na tempada 2026/27, a liga Ouro. O BM.Culleredo terminaría por coroarse como campión do grupo con dúas vitorias e un empate, aínda que deixaría un sabor agridoce coa súa irregular actuación, especialmente no partido do Domingo ante o BM.Línea 21 Fixman Noroeste S.L. Xa fora irregular a posta en escena do Venres ante o BM.Abegondo Anovar, aínda que os cullerdenses liquidarían o envite con contundencia dada a diferenza tec-tac e física que separan a ambos os conxuntos a día de hoxe. O equipo si ofrecería unha imaxe e un xogo sobresaiente na primeira parte do Sábado ante o Embutidos Lalinense, opacando a teórica superioridade dos locais e dominando con autoridade ao termo dos primeiros trinta minutos (11-17). O partido daría un xiro de 180° na continuación e o conxunto de Culleredo caería nun descontrol total ante o plan B e a defensa adiantada dos dezáns. A fluidez no xogo colectivo mostrada con anterioridade desaparecería por completo e entrábase nun bucle anárquico e individual que favorecía os intereses do BM.Lalín. Ante as esixencias tácticas que reclamaban o xogo sen balón para atacar os enormes espazos entre as dúas liñas defensivas, os cullerdenses actuaban de forma totalmente antagonista, precipitándose nas accións e, polo tanto, acumulando perdas e erros non forzados de forma incontrolada. A pesar dos múltiples intentos por reconducir a situación, a resposta do equipo non chegaría e os locais, en plena efervescencia de algaravía, conseguían levar as táboas ao electrónico en varias ocasións. A retagarda terminaba por conter o límite o sorpaso dos dezáns e, nun final agónico, poñía pé e medio nas posibilidades de clasificación cunha vitoria de gran calado ante un equipo de enorme talento como o de Lalín. A gran cita concentrábase por tanto no Domingo, onde un empate ou unha vitoria dos cullerdenses ante o BM.Línea 21, tería como premio o desexado dereito a disputar a liga Ouro 2026/2027. Iso si, unha derrota por cinco goles, podería deixar fóra aos cullerdenses e clasificar a Coruñeses e dezáns no que podería ser un triplo empate fatídico. O BM.Culleredo Galaico Caravaning non entraría ao partido coa actitude e a predisposición que requiría o envite, adoecendo de falta de intensidade e concentración. Os de Mesoiro tampouco poñerían excesiva resistencia e con moi pouco, o conxunto de Culleredo facía valer a súa teórica superioridade para adiantarse cun 5-11 que parecía aventurar que non ía haber historia. Nada máis lonxe da realidade: en apenas quince minutos, o BM.Línea 21 conseguiría un parcial de 10-2 ante un BM.Culleredo indolente que incomprensiblemente deixábase ir e adiantábase antes do tempo de descanso cun 15-13 que reavivaba as súas posibilidades. Lonxe de reaccionar, o BM.Culleredo Galaico Caravaning situaríase ao bordo da eliminación no segundo acto e é que o BM.Línea 21 conseguiría unha diferenza de catro goles que facían saltar todas as alarmas no seo do plantel cullerdense. Os de Culleredo reaccionarían entón levemente ante esta situación de perigo e rapidamente volverían tomar a dianteira nuns instantes, pero a falta de tres minutos para a conclusión e con 26-29 no marcador, xa coa clasificación no peto, volverían a dimitir do esforzo para regalar un empate final que coloca tamén ao BM.Línea 21 Fixman Noroeste S.L. na liga Ouro como mellor terceiro.

Polo BM.Culleredo Galaico Caravanig, estiveron presentes en Lalín:

Hugo Bregua, Adrián Aneiros, Jorge Amor, Iván Gantes, Mateo Basanta, Jairo Candamio, Martín Casal, Alexis Martínez, Alejandro Soto, Beltrán González-Camino, Teo Gómez, Hugo Bermúdez, Diego Rodríguez, GuillermoBlanco e os cadetes Xurxo Méndez, Jacobo Soto e Aitor Fariña.

1º DÍA:

BM.Abegondo Anovar vs BM.Culleredo Galaico Caravanig: 17-37.

Colexiados: Juan Carlos Amedo e Sara Gómez

Parciais cada 5´: 1-3 / 4-5 / 4-9 / 8-13 / 10-15 / 11-21 / Descanso / 11-23 / 12-27 / 13-32 / 15-33 / 16-36 / 17-37 / Final.

2º DÍA: Embutidos Lalinense vs BM.Culleredo Galaivo Caravaning: 25-26.

Colexiados: Uxía Mariño e Alfonso Canitrot.

Parciais cada 5´: 2-2 / 3-6 / 5-8 / 7-10 / 9-12 / 11-17 / Descanso / 15-17 / 18-19 / 19-20 / 21-23 / 23-23 / 25-26 / Final.

3º DÍA: BM.Línea 21 Fixman Noroeste vs BM.Culleredo Galaico Caravaning: 29-29

Colexiados: Uxía Mariño e Sara Gómez.

Parciais cada 5´: 2-3 / 3-7 / 4-10 / 8-11 / 12-11 / 15-13 / Descanso / 18-15 / 19-20 / 22-22 / 22-25 / 24-27 / 29-29 / Final.

Incidencias: Todos os partidos disputaronse no pavillón Lalín Arena. Tres días con un moi bo ambiente de balonmán e moitos siareiros dos distintos equipos que tiveron un comportamiento depórtivo sobresainte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *