
O SUTENOR necesitaba unha vitoria contundente para poder organizar o Play Off en Culleredo. Algo sempre moi especial para poder afrontar unha fin de semana chea de emocións, pero preto das familias e ao carón da casa.
Un SUTENOR que non saíu a especular e que, dende o inicio, levou a iniciativa tanto na fase defensiva como na ofensiva. Esta fase ofensiva xa comezaba dende a propia defensa, conseguindo incomodar o ataque rival, interceptar balóns e forzar erros do Reconquista de Vigo para poder recuperar e saír rápido ao contraataque, onde a velocidade coa que chegaban as nosas xogadoras era moi difícil de frear.
A intensidade e a velocidade marcadas polo equipo local estaban a ser moi altas e, xa no minuto 15, o resultado era de 15-4. A partir dese momento, a defensa cullerdense non volveu encaixar ningún gol no que restaba da primeira metade.
As exclusións do equipo rival estaban a favorecer o SUTENOR, que estivo durante moitos minutos xogando cunha xogadora máis. Isto beneficiaba o equipo en todos os sentidos, xa que nesta ocasión había un obxectivo moi claro: intentar gañar coa máxima diferenza posible.
Resultado ao descanso: BM Culleredo SUTENOR 30-4 Reconquista de Vigo
Na segunda metade, e xa co marcador pechado pola diferenza de 30 goles nos primeiros cinco minutos, o ritmo de xogo e a intensidade baixaron.
O encontro xa era outro. Un partido para seguir demostrando o traballo semanal, no que houbo certos erros a nivel defensivo por desconcentracións e falta de intensidade. Quizais o resultado provocou esa relaxación.
Aínda así, estamos comezando unha nova tempada e cometer erros é o máis habitual nestas situacións. O importante é detectalos e seguir traballando para mellorar.
Moi bo encontro das nosas, que demostraron que, se se sae con esta actitude en todos os partidos, hai moito que gañar e pouco que perder, independentemente do resultado que se dea.
Agora toca agardar polo sorteo dos Play Off, que hai que afrontar con moitísima ilusión.
Resultado final : Bm Culleredo Sutenor 47 - Reconquista de Vigo 10
Bm Culleredo Sutenor: Helena Portas, Aroa Martinez, Aldara Allegue, Candela Tizón, Aroa Bestilleiro, Alba Romero , África Gómez, Aitana Gestal , Uxía Seoane, Noa Otón, Sara Villar , Emilia de Castro, Carmen García y Sofia Orge.
Reconquista de Vigo: Julia Rey , Raquel Rodriguez, Antia perez, Zoe Prieto , Lucia Notarios, Lia Alonso, Malena Negro, Anna Sanchez.
Parciais cada 5`: 5-2/10-2/15-4/21-4/26-4/30-4/34-5/41-5/43-5/45-9/44-10/47-10
Arbitros: Martina Regueiro y Jorge
Incidencias: 3ª xornada da fase de clasificación do Grupo D , encontro disputado no pavillón municipal de Almeiras.
