Saltar ao contido

UN REMAX RIAZOR INTENSO OBTÉN A VICTORIA ANTE O NOVÁS

Primeiro desprazamento para o Remax Riazor nesta tempada, onde o sorteo destinaba ao equipo cullerdense a xogar contra o Atlético Novás. Por mor das obras no seu polideportivo, o encontro trasladábase ao pavillón da Sangriña, na Guarda.

As nosas miniguerreiras dispoñían dun novo test despois dun encontro irregular, sobre todo na fase ofensiva, ante o Porriño. Querían demostrar que aquilo fora só un tropezo de inicio de tempada, onde os nervios puideron máis que o propio xogo do equipo.

Dende o primeiro momento, a intensidade na pista foi moi alta. Na fase defensiva, cun sistema 3:3 que non se variou en ningún momento, o plan de encontro funcionou moi ben, podendo incluso acadar unha nota máis alta. As marcaxes e as responsabilidades individuais e colectivas estaban presentes; as interceptacións e as desposesións de balón íanse conseguindo e isto traducíase en goles ao contraataque.

O ritmo foi moi alto e, co paso dos minutos, o Remax Riazor fíxose moi forte, encaixando tan só 9 goles na primeira metade. Pola contra, na fase ofensiva atopábanse diferentes situacións de gol, tanto na zona central como nas zonas exteriores.

Resultado ao descanso: Atlético Novás 9 – BM Culleredo Remax Riazor 16

Na segunda metade, o Remax Riazor seguiu co plan de encontro. Neste caso, na fase ofensiva, as situacións de inicio de xogo con pase e vai, co desmarque directo ao espazo libre, sumadas a certas circulacións sorpresivas das nosas extremos, xeraban espazos para poder conquistalos en ataque e conseguir situacións efectivas de gol.

A calor notábase nas facianas, pero as nosas non baixaban o ritmo. Incluso nos últimos intres, o ímpeto do equipo reflectíase en situacións de contraataque nas que o equipo se sentía moi cómodo.

Moi bo encontro no que todas foron sumando o seu gran de area. A atención e a intensidade foron claves e víronse reflectidas nas situacións defensivas, coas axudas e as marcaxes efectivas.

Aínda estamos comezando e queda moito por diante. Tan só levamos mes e medio e quedan moitos detalles que pulir, pero asentando esta intensidade colectiva hai moito camiño feito.

Noraboa pola vitoria! Agora tan só queda agardar polo sorteo dos Play-Off para saber se o Remax Riazor poderá competir na Liga Ouro ou na Liga Prata. Independentemente do que se consiga, os obxectivos non varían e a ilusión estará sempre en primeiro plano.

Resultado final : Atlético Novás 22- Bm Culleredo Remax Riazor 33

Atlético Novás : Noa Álvarez, Martina Vigo , Marina Rolan , Sabela Dantes,Valeria Rodirguezz,Aitana Suárez,Antia de La Fuente, Yanira Fernandez,Lucia Fernandez, Antia Pombal

Bm Culleredo Remax Riazor: Mariña Garaboa, Ana Penelas, Olivia Pan , Lucia Peña, Sara Arcay, Sofia Calvo, Sofia Lopez, Valeria Diaz, Celtia Fernández, Andrea Muñoz, Daniela Manteiga, Sabela Lamas, Martina Villaverde y Paula Gándara

Parciais cada 5`:4-4/5-7/6-9/9-12/9-16/13-19/15-23/18-27/21-29/22-33

Árbitros: Inocencio Pérez

Incidencias: 2ª xornada da fase de clasificación disputado no pavillón de A Sangriña en A Guarda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *