
BM Culleredo Fisioterapia Benestar – Reconquista de Vigo
Primeiro encontro das nosas xuvenís na Fase de Clasificación, na que se enfrontaban ao Reconquista de Vigo.
Moitos nervios iniciais, aínda que as nosas estiveron moi ben estruturadas na fase defensiva, cun sistema 6:0 no que tan só recibirían 3 goles nos primeiros 15 minutos. A mágoa foi a falta de efectividade nos lanzamentos na fase ofensiva, onde as nosas non estiveron atinadas, tanto nas penetracións desde os 6 metros como nos lanzamentos de 7 metros, chegando a errar ata tres nos primeiros compases do encontro.
O Fisioterapia Benestar mandaba no marcador, pero non conseguía despegar de todo. Custou moito superar a defensa visitante, xa que o balón non circulaba coa suficiente velocidade e gran parte do xogo remataba en golpe franco. O equipo necesitaba darlle continuidade ao xogo, pero esta non acababa de aparecer. Co paso dos minutos, o equipo conseguiu aumentar algo o ritmo ofensivo, aínda que sen chegar a romper o encontro.
Resultado ao descanso: BM Culleredo Fisioterapia Benestar 11 – Reconquista de Vigo 8
Na segunda metade, o Fisioterapia Benestar cambiou aquilo que necesitaba cambiar. Primeiro, dándolle maior continuidade ao balón e conseguindo trasladalo con máis velocidade para desequilibrar a defensa visitante. Por momentos, con tan só tres ou catro pases, conseguíanse situacións de penetración moi efectivas.
Pero todo isto necesitaba acompañarse de acerto no lanzamento. Nalgúns momentos volveron aparecer as pantasmas da primeira metade, aínda que nesta ocasión tan só foi un espellismo. Quizais por momentos baixou algo o nivel defensivo, pero o equipo xa tiña máis confianza en si mesmo e conseguiu sacar adiante o encontro cunha boa actuación colectiva na segunda metade.
Noraboa pola vitoria, pero agora xa toca pensar no mércores, cando se disputará a primeira xornada, que fora aprazada, ante o BM Lalín. Un equipo moi sólido que, sen dúbida, lle poñerá as cousas moi complicadas ao Fisioterapia Benestar. As nosas xa traballarán o luns e o martes para poder afrontar con todas as garantías o encontro do mércores.
Ademais, esta fin de semana non haberá competición oficial, pero as nosas xuvenís foron convidadas a disputar o Torneo de Veteráns das Festas de Culleredo. Un test diferente e ilusionante que servirá para seguir collendo ritmo de xogo e continuar coa preparación do equipo.
Resultado final: BM Culleredo Fisioterapia Benestar 29 – Reconquista de Vigo 17
BM Culleredo Fisioterapia Benestar: Aldara Piñeiro, Sara Fernández, Luana Gómez, Cintia Míguez, Martina, Antía Ferreño, Eva Outón, Alba Fernández, Rosalía Veiga, Lola Romero, Carmela Erias e María Otero.
Reconquista de Vigo: Amaya Garrido, Elena Blanco, Maite Ferreira, Carmela Figueroa, Claudia Pintos, Diana Diz, Narua Verísimo e Alba San Marcial.
Parciais cada 5': 0-0 / 2-1 / 5-3 / 8-5 / 10-7 / 11-8 / 13-9 / 17-11 / 21-12 / 22-12 / 25-13 / 29-17.
Árbitros: Víctor Pérez e Martina Regueiro.
Incidencias: Xornada 2 da Fase de Clasificación, disputada no Pavillón Municipal de Almeiras, Culleredo.
