
Segundo encontro da Fase de Clasificación do Grupo D, no que as cullerdenses do Sutenor viaxaban a Vigo para enfrontarse ao U.B. Lavadores. Un encontro importante para que as nosas puidesen dar un paso adiante na procura do primeiro posto da clasificación, a falta da última xornada.
Nos primeiros compases do encontro, o equipo local atopaba facilidade para marcar, sobre todo pola zona central, en situacións de 1x1 nas que conseguía ser efectivo. A defensa cullerdense estaba demasiado pasiva e sufría ante as penetracións locais, sen que aparecesen con claridade as axudas defensivas. Non estaba cómodo o Sutenor, que necesitaba subir o nivel defensivo se quería cambiar a dinámica do partido.
Na fase ofensiva, pola contra, o equipo atopaba boas situacións en accións rápidas de segunda onda e tamén nas zonas exteriores, xa que polo centro había unha gran densidade defensiva.
Co paso dos minutos, o Sutenor cambiou a unha defensa 5:1. Aínda que nos primeiros compases se repetiron algúns dos erros anteriores, pouco a pouco o equipo sentiuse máis cómodo e acertado defensivamente. Froito desa mellora, nos últimos 20 minutos da primeira metade o equipo encaixou tan só 8 goles.
Este salto de intensidade defensiva tamén permitiu soltarse no ataque, chegando aos 19 goles ao descanso e atopando, a través do xogo colectivo, os puntos débiles da defensa rival, especialmente nas zonas exteriores.
Resultado ao descanso: U.B. Lavadores 14 – BM Culleredo Sutenor 19
Na segunda metade, o equipo introduciu unha nova variante defensiva, nesta ocasión cun 5:1 zonal, que permitiu encaixar tan só 6 goles nos primeiros 20 minutos. Os contactos xa eran outros, aparecían as axudas e os deslizamentos defensivos, conseguindo frear con maior eficacia o ataque local.
Un gran esforzo defensivo do Sutenor, que lle permitiu abrir unha renda importante no marcador e saber xestionala ata o final do encontro.
Na fase ofensiva volveu destacar o xogo colectivo, conseguindo finalizar en situacións de rúa, lanzamentos desde o extremo con espazo ou filtrando pases cara aos 6 metros. Boa dinámica ofensiva dun equipo no que todas van aportando o seu gran de area pouco a pouco.
Custou moito entrar no partido, pero o encontro foise madurando co paso dos minutos. Isto tamén forma parte da aprendizaxe, tanto individual como colectiva. Só queda seguir xuntas no camiño, traballando e medrando como equipo.
Isto non fixo máis que comezar e aínda queda moito por diante.
Esta fin de semana toca descansar para, posteriormente, recibir na última xornada ao Reconquista de Vigo, nun encontro no que o Sutenor buscará certificar o primeiro posto do grupo e conseguir así disputar o Play-Off na casa.
Resultado final : U.B Lavadores Vigo 27- Bm Culleredo Sutenor 37
U.B Lavadores Vigo:Carmen Argibay, Blanca Tejerina, Aroa Fernández,Claudia Ferreiro, Nerea Gabriela, Nora Rodriguez, Antia Pérez, Irene Oliveros,Candela Mellado
Bm Culleredo Sutenor : Helena Portas, Aldara Allegue, Candela Tizón ,Aroa Bestilleiro, África Gómez, Uxía Seoane, Sofía Orge, Sara Villar, Noa Otón ,Carmen García.Aitana Gestal ,Emilia de Castro.
Parciais cada 5`: 3-1/6-5/6-9/8-13/12-15/14-19/14-21/15-25/18-30/20-32/22-33/27-37
Árbitros: Lola Varela y Anxo Barca
Incidencias: 2 ª xornada da fase de clasificaciión do grupo D , disputado no Pabellón Municipal de Lavadores.
