
O BM.Culleredo continúa a súa preparación de pretemporada e o mércores pasado desprazábase a Lalín para afrontar un novo partido amigable co equipo local. Os cullerdenses testeaban de novo o seu punto de forma a pouco menos dun mes para o comezo da competición nacional e o encontro resultaría aínda irregular e con altibaixos, sumando momentos lúcidos a outros máis trabados e con certas imprecisións. Como vén sendo habitual nas anteriores confrontacións, o BM.Culleredo comezaba o partido mellor que o seu rival, dominando no marcador, aínda que deixando escapar situacións claras de gol para aumentar a diferenza no electrónico. A insultante mocidade de ambos os equipos, seguramente tamén tiña algo que ver nestas imprecisións iniciais, onde os erros non forzados facian pouco vistoso o encontro. Os locais irían crecendo ao longo dos primeiros trinta minutos e terminarían por dominar o envite por unha cómoda diferenza cando se chegaba ao termo do primeiro acto (17-13). Neste tempo, os cullerdenses adoecerían de falta de profundidade defensiva e maior contundencia nos contactos, así como de quedar excesivamente expostos e actuar moi brandos nas situacións directas de 1x1. Na continuación, os dezáns faríanse definitivamente co control do partido, evidenciando unha superioridade clara ante un conxunto, o de Culleredo, que se iría diluíndo no seu xogo. O posicional quedaba sen ideas, solicitando maior mobilidade e coordinación entre primeira liña e segunda, especialmente no xogo co pivote. Os erros de lanzamento e as perdas de balón, deixaban ao descuberto o gran déficit no balance defensivo, unha das importantes vías que explotarían os locais, sobre todo na figura do extremo Ramón. Derrota por 32-26 e posibilidade de liquidar estes erros no próximo test, dentro dunha semana e ante este mesmo equipo.
Disiclín Bm. Lalín: 32 (17+15) - Bm. Culleredo: 26 (13+13).
Bm. Culleredo: Marco González (P), Hugo Díaz (P), Jorge López (P), AlexisMartínez (3), Hugo Bregua (1), Roi Fdez, Adrián Díaz, Roi García (2), Marco García (2), Marcos Regueiro (2), Teo Gómez (2), Iván Sánchez (2), Adrián Veira (1), Nico Casal (6), Nuno Loxo (3), Alejo Martínez (2).
Árbitros: Renzo Martín e André Pena.
Incidencias: Encontro amigable disputado o pasado Mércores 26 de Agosto de 2026 no pavillón Lalín Arena. Presenza abunfante de afeccionados nas bancadas.
