
Terceiro Sector Nacional para a sección feminina do BM Culleredo
Terceiro Sector Nacional consecutivo para a sección feminina do BM Culleredo… e iso dise pronto. Dise rápido, pero detrás hai moitos anos de traballo deste club e, sobre todo, destas rapazas, unhas que marcharon e outras que foron chegando, construíndo pouco a pouco algo moi especial.
As nosas cadetes disputaban o primeiro encontro fronte ao BM Maravillas de Benalmádena, nun partido no que se puido observar unha gran igualdade durante boa parte do encontro. As nosas comezaron dominando dunha maneira espectacular. O ritmo defensivo permitiu encaixar tan só un gol nos primeiros dez minutos de xogo.
Na fase ofensiva, o Sutenor non estaba especialmente acertado nin gozaba dunha gran fiabilidade, pero pouco a pouco foi atopando mellores sensacións. Co paso dos minutos, o partido igualouse moito. Pequenas diferenzas entre ambos equipos marcaban o encontro, aínda que o xogo colectivo do equipo cullerdense afloraba continuamente. Porén, os pequenos detalles acabaron sendo determinantes.
Nos últimos intres non se puido atopar a tecla correcta e o Sutenor acabou perdendo o encontro, deixando a pel e algo máis sobre a pista.
O segundo partido foi, quizais, un reflexo do primeiro, aínda que nesta ocasión non houbo dominio do Sutenor en ningunha fase do xogo. O cansazo acumulado do día anterior comezaba a pasar factura. As emocións seguían a flor de pel e iso xogou en contra da concentración necesaria nos pequenos detalles, tanto no sistema defensivo como ofensivo.
Aínda así, as nosas xogadoras demostraron, igual que no primeiro encontro, unha madurez e unha responsabilidade que posiblemente non se vira durante toda a tempada. Nas situacións de superioridade e inferioridade numérica, o equipo respondeu de maneira positiva.
Había moito traballo detrás que parecía non saír, pero no momento máis complicado da competición… vai o Sutenor e conségueno. Que capacidade de cohesión ten este grupo, capaz de unirse dunha maneira excepcional. E isto é mérito delas, nin máis nin menos.
Chegou a segunda derrota, e as nosas derrubáronse no vestiario. Pero, sorprendentemente, igual que no primeiro encontro, comezaban a aparecer sorrisos nas furgonetas, alegría na residencia, boas caras durante a cea… Algo pouco habitual e que segue sorprendendo ao corpo técnico do Sutenor. A súa capacidade de superación é inimaxinable.
Quizais o terceiro encontro era, a priori, o máis complicado. En fronte estaba un histórico do balonmán feminino e un referente nas categorías base: o Balonmán Elche.
O Elche dominou o partido de principio a fin, pero as nosas seguiron sendo fieis á súa identidade. O xogo colectivo predominou sobre as individualidades, non só en ataque, senón tamén en defensa.
Houbo momentos defensivos espectaculares, nos que se viu reflectido todo o esforzo que este grupo leva realizando nos últimos anos. Incrible o vivido en determinados momentos do encontro.
Unha mochila chea de experiencias
Tres derrotas en tres partidos, si. Pero tamén unha mochila chea de experiencias, aprendizaxes e emocións. Isto é inigualable e só pode pasar no Balonmán Culleredo.
Tres anos competindo na elite estatal do balonmán base. Xogadoras que xa levan dous sectores nacionais e outras incluso tres. Rapazas cun sentimento inigualable cara a este club.
Incluso aquelas que non puideron participar fixeron desta experiencia algo inesquecible. Ver as súas caras antes e despois de cada encontro foi algo incrible. Sensacións indescritibles que nunca se esquecerán.
Grazas
Dende o corpo técnico da categoría cadete feminina:
GRAZAS a todas as xogadoras por facer desta viaxe algo único, exclusivo e excepcional.
Grazas tamén ás familias, porque sen vós isto non sería posible. Hai demasiado esforzo diario detrás, pero merece totalmente a pena, porque sodes parte de todo isto.
E, como non, grazas ao club. Sen vós nada disto podería existir.
¿E se non vivísemos todo isto durante estes últimos anos? Unha gran reflexión que daría para analizar detidamente.
Xogadoras BM Culleredo Sutenor
Sara Fernández, Helena Portas, María Otero, África Gómez, Aitana Gestal, Noa Otón, Alba Fernández, Sara Villar, Claudia Soto, Rosalía Veiga, Lola Romero, Thais Villaverde, Sofía Meijide, Eva Outón e Simona Seo.
Corpo técnico BM Culleredo
Elena Abad, María Vázquez, Rocío Santos, Darío Otón e Alex Seijo.
