Saltar ao contido

PREVIA DA XORNADA

Previa da Xornada 26.04.26

SENIOR

O BM Culleredo afrontará este próximo sábado o último partido da tempada 2025/26 e farao no Municipal de Tarrío recibindo ao terceiro clasificado, o BM Lanzarote Ciudad De Arrecife. Os insulares xogan nesta xornada final o poder acceder á fase de ascenso e para iso terán que gañar en Culleredo e esperar a derrota do segundo clasificado, o BM Ingenio. Será por tanto un encontro durísimo, no cal, os cullerdenses atoparanse coa mellor versión dun equipo xa de por si de enorme potencial.

Con todo, o BM Culleredo, que xa estivo a piques de dar a sorpresa na primeira volta en Lanzarote, desexa superar as moitas baixas que carrexa o equipo e impoñerse neste último partido ante o seu público, pechando así unha tempada magnífica, a mellor da historia do club en categoría senior.

O partido dará comezo ás 19:00h.

XM - GALAICO CARAVANING

O domingo ás 12:00 os nosos xuvenís desputan a 2° xornada da copa ,desta vez o rival será o OAR Coruña.

Os nosos deberán xogar a gran nivel xa que o equipo coruñés será un rival duro de vencer tal e como vimos na competición de liga.

XF - FISIOTERAPIA BENESTAR

As nosas xuvenís do Fisioterapia Benestar afrontan unha cita decisiva esta fin de semana, coa súa viaxe a A Cañiza para disputar a última xornada da Copa Federación. O equipo chega con opcións reais de facerse co título, pero para iso será imprescindible conseguir un bo resultado e agardar polos demais marcadores.

En fronte estará o conxunto local, un rival que esixirá o máximo nivel e que obrigará ás nosas xogadoras a realizar un encontro practicamente perfecto se queren manter vivo o soño do campionato.

Será tamén un partido moi especial, xa que para moitas das nosas rapazas suporá o seu último encontro oficial tras toda unha traxectoria nas categorías base do club. Anos de esforzo, compromiso e dedicación que quedarán gardados para sempre na memoria, cheos de momentos inesquecibles e experiencias únicas.

CM - DESPREOCÚPATE.ES

O BM Culleredo Despreocúpate.es afronta esta fin de semana a esperada cita da Final Four da categoría. Co obxectivo de conseguir a desexada praza para disputar o Campionato de España, os cullerdenses terán que enfrontarse na semifinal do sábado aos veciños de Carballo, o Montaxes Carballo Xiria Branco. Só a vitoria valeralle ao equipo de Culleredo para plantarse na final do domingo e poder aspirar desta maneira a conseguir o pasaporte para o Sector Nacional.

O evento disputarase ao longo de toda a fin de semana no Polideportivo Manuel González Soto de Chapela e a semifinal dará comezo ás 12:30h.

IM - ARES Y FUERTES

Trala Final Four, o Ares y Fuertes recibe ao Abegondo na Copa Federación. Os de Abegondo veñen de ser campións de Liga Prata e de seguro que nos porán as cousas moi difíciles, terán os nosos que dalo mellor de sí para poder levarse o encontro.

IF - REMAX RIAZOR

As nosas rapazas do BM Culleredo Remax Riazor encaran un novo reto tras pechar a liga regular, coa ilusión intacta e o firme propósito de seguir medrando como equipo. As nosas miniguerreiras continúan o seu camiño de formación, onde cada partido é unha oportunidade para aprender, competir e fortalecer o grupo.

Este sábado comeza a súa andaina na Copa Federación cun esixente encontro fronte ao BM Abegondo, un rival que, sen dúbida, poñerá as cousas moi difíciles e obrigará a dar o mellor nivel desde o primeiro minuto.

O conxunto local buscará facerse forte na casa e manter os dous puntos, apoiándose nun xogo baseado na intensidade, a disciplina e o traballo colectivo. Un partido que promete emoción e no que as nosas xogadoras queren seguir demostrando a súa evolución e compromiso dentro da pista.

IM - ÓPTICA GALLAECIA

Despois dunhas xornadas de descanso retoman a competición os nosos rapaces do Óptica Gallaecia, que se medirán ao líder do grupo, un Viveiro que ben nun bo momento e será un difícil examen para os nosos.

FORZA CULLE!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *