
Enlace Do Partido: (SM) BM Culleredo - Granitos Ibéricos Carballal
A liga nacional de primeira división está a chegar ao seu fin e os equipos que ocupan zonas medias da clasificación, sen aspiracións de fase de ascenso e sen risco no descenso, ofrecen as súas últimas enerxías en encontros con escaso dinamismo e baixa intensidade. Foi o caso do acontecido onte no municipal de Tarrío, onde o BM.Culleredo e o conxunto olívico do barrio de Carballal, protagonizaron unha posta en escena máis propia do mes de Agosto que do actual. Os locais, agraviados ademais con ata cinco importantes baixas, aproveitaron o contexto para seguir o seu camiño a futuro, dando minutos aos xogadores máis novos co debut do xuvenil Hugo Bregua en competición oficial, que ademáis ofrecería unha destacada actuación no extremo dereito. Dentro dese ritmo anodino, o conxunto de Vigo atoparía mellores solucións nos instantes iniciais e dispararía un marcador favorable que requiría o primeiro tempo morto dos cullerdenses (1-5). A pausa non conseguiría unha reacción inmediata e o Granitos Ibéricos Carballal chegaría mesmo a conseguir unha vantaxe máxima de sete goles (5-12). Afrontábanse entón os cinco últimos minutos do primeiro acto e aínda que tardía, a reacción do BM.Culleredo chegaría cun parcial de 5-2 que abría a esperanza para a segunda parte (10-14). O equipo afrontaba o primeiro ataque da continuación con superioridade numérica e posibilidade de reducir a diferenza a 3, pero a actuación do porteiro visitante nun lanzamento franco desde o extremo esquerdo, desbarataría tal opción. Outro erro non forzado no seguinte ataque posicional, sería demasiado agasallo para os olívicos, que non desaproveitaban a circunstancia e ampliaban de novo a distancia a uns perigosos seis goles (10-16). Resistencia desde este momento por parte dos cullerdenses para que o seu rival non se afastase de forma definitiva e maior acerto ante a portería olívica para achegarse ata unha diferenza esperanzadora de tres goles cando aínda quedaban vinte minutos por xogar (15-18). Pero a consistencia para manter unha regularidade era deficiente e bastarían dez minutos para que os erros volvesen facer acto de presenza e o Granitos Ibéricos adquirise de novo eses seis goles que xa se intuía podían ser definitivos a falta de dez minutos para a conclusión (18-24). Así foi e nunha recta final plácida e sen sorpresas, o conxunto de Vigo acabaría por impoñerse cun marcador final de 24-29.
BM. Culleredo: 24 (10+14). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Marco González (P), Adrián Veira (1), Hugo Bregua (3), Roi García (1), Xoán Canedo, Martín Insua (2), Pedro Pereira (8), Iago Ferreiro (1), Iván Sánchez (3), Nuno Loxo (1), Marcos Regueiro, Alejo Martínez (1), Juan Pereira, Darío Pérez (3).
Granitos Ibéricos Carballal: 29 (14+15). Diego Rodríguez (6), Iago García (3), Fernando Martínez (1), Pablo Vilaboa, Xoel Martínez (7), Daniel López (5), Diego Otero, Gonzalo Arenas, Samuel Barciela, Jorge Navarro, Rodrigo Mouco (3), Guillermo Rial (4), Alejandro Fdez.
Parciais cada 5 ́: 1-2 / 1-4 / 2-7 / 3-10 / 5-12 / 10-14 / Descanso / 11-17 / 15-18 / 17-21 / 18-24 / 22-27 / 24-29 / Final.
Colexiados: Julio Villanueva e Pablo Torreiro.
Incidencias: Antepenúltima xornada no grupo "A" da 1ª nacional masculina. Partido disputado no municipal de Tarrío.
