Saltar ao contido

MERITORIO ESFORZO COMPETITIVO DUN BM.CULLEREDO INFESTADO DE BAIXAS

Enlace Partido: BM INGENIO - BM CULLEREDO

O BM.Culleredo mostrou un esforzo competitivo encomiable e moi a ter en conta en terras canarias ante o terceiro clasificado da liga e a pesar da derrota, hai que resaltar o gran empeño do equipo, que afrontaba este envite con múltiples baixas e numerosas dificultades.

Os hándicaps comezaban cunha viaxe sempre difícil ás illas afortunadas, debido ás complicacións con horarios de voos, máxime nestas datas de Semana Santa. O equipo tiña que facer noite en Madrid, tanto á ida como á volta e iso repercutía en senllos madrugones que debían de superar os cullerdenses para chegar a Gran Canaria e competir ao mellor nivel. O maior problema xurdía para conseguir completar un armazón defensivo de certas garantías, xa que dos doce xogadores convocados, tres caían nos últimos días sufrindo lesións de maior ou menor relevancia pero que impedían a súa participación neste encontro. Xogadores pouco habituais ou que nunca participaran en posicións concretas dentro da retagarda do equipo de Culleredo, tiveron que asumir un rol esixente e descoñecido e puxeron todo da seu parte para suplir aos seus compañeiros lesionados. A fase defensiva sería por tanto o maior problema que tivo que asumir o equipo e onde máis facilidades atoparían os locais ,que con 19 goles no primeiro tempo e 39 ao termo dos sesenta minutos, puxeron de manifesto as carencias nunha defensa danada polas baixas. Con todo, o BM.Culleredo conseguiría competir a un bo nivel, respondendo con personalidade ao 4-1 inicial e retirándose a vestiarios no descanso cun 19-16 que mantiña ao equipo no partido. As dificultades multiplicábanse no segundo acto, cando á disminución de efectivos dos cullerdenses, sumábase a baixa de Alejo por problemas estomacais e o equipo quedaba sen recambios. Aínda que os canarios conseguirían ampliar a diferenza neste segundo tramo, chegando en varias ocasións a un máis sete, o BM.Culleredo volvería apelar ao seu carácter competitivo para reducir as diferenzas no tramo final e terminar con boas sensacións dadas as circunstancias e a pesar do 39-35 final.

BM.Ingenio: 39 (19+20). Alejandro Peña, Domingo Castro (5), Michael Martín (6), Marcos Vinicius (7), Gabriel Sánchez (1), Iván Manuel Sánchez (2), Pablo Hernández (5), Said Naji, Rubén Yague (6), Armando Santana (2), Xander Goez, Rafael Sánchez (4), Carlos J. Sánchez, Aitor Sánchez, Daniel Muñoz (1).

BM.Culleredo: 35 (16+19). Oscar Bello (P), Xoán Varela, Iván Sánchez (4), Roi García (3), Marco García, Carlos Costa (9), Alejo Martínez (2), Henrique Traba, Nuno Loxo (4), Adrián Díaz, Marcos Regueiro (7), Iago Ferreiro (6).

Parciais cada 5´: 3-1 / 5-4 / 9-7 / 12-10 / 16-12 / 19-16 / Descanso / 23-18 / 25-20 / 29-24 / 33-28 / 35-31 / 39-35 / Final. 

Colexiados: Juan Luis Gómez e Juan Marcos Sánchez.

Incidencias: 27ª xornada da temporada 2025/26 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no pavillón municipal Pedro Padilla de Ingenio (Gran Canaria).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *