
O BM.Culleredo non puido romper a súa serie negativa esta fin de semana pasada na Cañiza e terá que esperar unha nova oportunidade dentro de sete días ante o Disiclín BM.Lalín. Os cullerdenses xogabanse volver á senda da vitoria para achegarse aos equipos que lle preceden na clasificación e certificar de forma matemática a permanencia un ano máis nesta primeira nacional, pero un equipo local necesitado de puntos, acabaría por levarse un partido moi disputado e igualado ao longo dos sesenta minutos. Tal e como se prevía, os locais saíron moi concienciados para aproveitar unha das poucas oportunidades que lles quedan para saír dos postos de descenso e pronto se puxeron por diante no marcador. Os cullerdenses necesitaron algúns minutos máis para atopar o ritmo adecuado, pero no ecuador xa conseguían poñer as táboas no electrónico para que todo empezase de novo. A partir dese instante, as igualadas e mínimas rendas foron o tónica xeral, ata ese último balón que materializaba o conxunto da Cañiza para retirarse ao descanso cunha vantaxe de dous goles (19-17). As dificultades na retagarda do equipo de Culleredo estaba a ser un quebradizo de cabeza, especialmente no centro do 6:0 defensivo, por onde a primeira liña cañicense estaba a atopar de forma recorrente un camiño expedito para portaría rival. O segundo acto resultou igual de igualado e vibrante, cun conxunto local negándose a verse superado no marcador e aguantando vantaxes mínimas dun e dous goles que os cullerdenses non acababan por reducir. O centro da defensa cullerdense continuaba sen dar coa tecla para frear o xogo veloz e as penetracións sen balón dos laterais. O escaso ritmo de pernas era insuficiente para pechar os espazos ante os movementos sen a pelota e as entradas como estiletes ante o bloque defensivo en 6:0. Tivo o BM.Culleredo un momento idóneo no cincuenta e seis, cando con dous goles abaixo e outros tantos minutos por xogar en superioridade numérica, abríase de pao a pao unha oportunidade única para conseguir sacar algo positivo, pero os cullerdenses non serían capaces de materializar ningún dos ataques cos que contaron cun xogador máis e aí empezaban a morrer as posibilidades de éxito. Con todo e despois dunha presión final cando o tempo se esgotaba, o xuvenil Hugo Díaz detiña dous balóns que facilitaban outras tantas accións de contrataque do seu compañeiro Xoán, pero as paradas salvadoras de Jesús Veiga terminaban por dar os dous ansiados puntos ao seu equipo.
Saeplast BM.Cañiza: 30 (19+11). Jesús Veiga, Iván Capelo, Allan Magno (6), Daniel Lusquiños (2), Francisco Hernández (3), Paulo Dacosta (1), Manuel Fdez (1), Iván Plaza, Luciano Nicolás Flores (8), Sergi Corcuera (2), Marcos Pequeño (2), Roi Álvarez, Cristian Canosa (5), Goran Tomislav.
BM.Culleredo: 28 (17+11). Hugo Díaz (P), Oscar Bello (P), Adrián Díaz, Roi García (2), Carlos Costa (3), Mario Crecente (4), Henrique Traba (8), Iago Ferreiro, Iván Sánchez (4), Nuno Loxo (1), Xoán Canedo (1), Marcos Regueiro (2), Alejo Martínez, Juan Pereira (3).
Parciais cada 5´: 4-2 / 7-4 / 9-9 / 11-11 / 14-13 / 19-17 / Descanso / 29-19 / 22-21 / 24-23 / 27-25 / 30-28 / 30-28 / Final.
Colexiados: Sergio Pintado e José Manuel Chacón.
Incidencias: 25ª xornada no grupo "A" da 1ª nacional masculina. Partido disputado no pavillón municipal da Cañiza.
