Saltar ao contido

MOMENTOS MERITORIOS DO BM.CULLEREDO ARES Y FUERTES NA DIFÍCIL PISTA DO CISNE

O BM.Culleredo Ares y Fuertes visitaba o pasado sábado a difícil pista do Cisne Colegio Los Sauces, segundo na táboa clasificatoria e terminaba por completar un partido de menos a máis con momentos interesantes de xogo ante un gran rival como o conxunto da cidade do Lerez. Con todo, o inicio foi complicado para os cullerdenses, que entraban peor que o seu rival no partido e vían como o seu técnico tiña que esgotar o primeiro tempo morto cun parcial de 5-0 en contra. Os locais atopaban demasiadas facilidades ante a defensa do BM.Culleredo e, por contra, dificultaban enormemente o ataque posicional daqueles cun bloque defensivo en 6:0 de superior antropometría. A diferenza chegaría a ser de sete goles (16-9), pero os xogadores do BM.Culleredo Ares y Fuertes non se virían abaixo e continuarían traballando pacientes para atopar as mellores solucións ante a férrea defensa local. Os mellores minutos dos cullerdenses chegarían nos últimos instantes do primeiro tempo, cando o equipo atopaba a clarividencia necesaria no seu ataque coas transformacións dos extremos e conseguía sumar a maiores varias accións defensivas de éxito que daban lugar a rápidos contragolpes, conseguindo así un incontestable parcial de 1-7 e reducindo a diferenza á mínima expresión cando se chegaba ao tempo de descanso (17-16). Na continuación, os cineistas poñerían en liza todo o seu potencial e aumentarían de novo os seus algarismos, incrementando paulatinamente a distancia a medida que transcorrían os minutos. O BM.Culleredo Ares y Fuertes non baixaría os brazos e continuaría presentando batalla ante un dos rivais con maior potencial da categoría. Un talante e espírito competitivo que deixa bos sinais no seo do equipo a pesar da derrota.

Club Cisne Colegio Los Sauces: 38 (17+21). Pedro Antona, Sergio Domínguez, Guillermo Calvo, Carlos Barba, Oliver Fdez, Ivo Oubiña, Javier Montes, Pedro Monteagudo, Juan Wes, Izan Domínguez, David Parcero, Joaquín Blanco, Leo Hernández, Marcos Varela, Hugo Buceta, Fernando Iglesias.

Bm Culleredo Ares y Fuertes: 31 (16+15). Jorge García García, Hugo Fariña, Leo Cobas, Iker Cacheiro, Aitor Fariña, Jorge García Serantes, Mauro López, Nicolás González, Roi Romero, Marco Sesar, Pablo Cacheiro, Darío Barambio.

Parciais cada 5´: 4-0 / 10-4 / 12-7 / 16-9 / 17-16 / Descanso / 22-19 / 26-21 / 30-24 / 35-27 / Final.

Árbitros: Anxo Barca e Carlos Matías.

Incidencias: Partido correspondente a la 15ª xornada da Liga Ouro infantil masculina e disputado no pavillón dos deportes de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *