
Previa da Xornada 05.03.26
SENIOR
O BM Culleredo afronta unha nova oportunidade como local para resarcirse do mal partido da fin de semana pasada e volver á senda da vitoria. Os cullerdenses terán que saltar ao 40x20 de Tarrío con boa predisposición competitiva e unha alta intensidade desde o principio, este será o camiño para romper coa dinámica negativa do último mes. A nivel táctico o equipo deberá de mellorar no aspecto colectivo na fase de ataque, conseguindo unha maior velocidade na circulación de balón e xogo cos extremos.
O partido disputarase o sábado ás 19:30h no Municipal de Tarrío.
XM - GALAICO CARAVANING
O sábado ás 11:15 en Bueu os xuvenís xogan a derradeira xornada da liga prata.
Encontro entre dous equipos que están empatados a puntos, o equipo que logre o triunfo será o Campión da competición de Liga Prata.
Espérase un bo encontro entre os dous equipos máis en forma ao longo de toda a tempada.
CM - DESPREOCÚPATE.ES
Novo partido no alto da clasificación para o BM Culleredo Despreocúpate.es, esta vez a domicilio e, coa oportunidade en caso de vitoria, para achandar o camiño como mínimo a unha terceira praza na finalización da clasificación do campionato ligueiro. O test ante o Cisne será dos máis esixentes e os cullerdenses deberán de completar un partido perfecto ao longo dos sesenta minutos.
O encontro disputarase o sábado ás 11:30h no Municipal de Pontevedra.
CF - SUTENOR
As cadetes do Sutenor afrontan esta fin de semana un novo reto coa intención de resarcirse da derrota da pasada xornada. En fronte estará o BM Lalín, un rival competitivo que xa na ida puxo as cousas moi difíciles nun partido moi igualado.
Todo apunta a que volveremos ver un encontro intenso e disputado ata o final. Para o público será un partido moi atractivo, polo que agardamos unha gran presenza da nosa afección en Almeiras para apoiar e dar folgos ás nosas cadetes do Sutenor.
CM - CRISTALERÍA GESTAL
O domingo afronta o Cristalería Gestal un desprazamento cercano pero difícil. Os nosos chegan cunha dinámica moi positiva e nun momento de forma excelente. Toca volver a referendalo e sumar unha nova vitoria que nos axude a seguir loitando por estar na parte alta da clasificación.
CF - CANOSA ABOGACÍA
O sábado reciben as rapazas do Canosa Abogacía á Sar no Municipal de Almeiras. As cullerdenses deberán mellorar a faceta ofensiva con respecto a xornada pasada se queren estar a altura do encontro, amosndo a intención e intensidade de fai unhas xornadas. En defensa están a ser máis solidarias mais os repliegues estanlles a pasar factura. Tras unha semana de adestramento e corrixindo erros, queren chegar a recta final da competición amosando o seu mellor xogo.
IM - ARES Y FUERTES
Desprázanse na mañá do sábado os nosos infantís do Ares y Fuertes a Pontevedra a afrontar un moi duro encontro. Os locais veñen nunha moi boa dinámica, pero os nosos despois da gran primeira parte que fixeron fronte aos líderes vense capaces de todo. Será un encontro onde a coraxe e a defensa serán os factores determinantes para sumar 2 novos puntos.
IF - REMAX RIAZOR
As nosas infantís chegan a esta xornada nun gran momento de progresión. O traballo das últimas semanas está a ser moi positivo e o equipo está a demostrar un coraxe e unha actitude excepcionais tanto nos adestramentos coma nos partidos.
Agárdase un encontro moi igualado fronte ao BM Lalín, no que as nosas xogadoras tentarán defender os dous puntos na casa e seguir sumando nesta recta final do campionato. Será unha boa oportunidade para seguir medrando como equipo e demostrar o gran traballo que están a realizar.
IM - ÓPTICA GALLAECIA
O sábado de mañá os rapaces do Óptica Gallaecia viaxan a Narón para afrontar unha nova xornada. Despois dos bos resultados obtidos queren os nosos sumar 2 novos puntos nunha pista complicada!
FORZA CULLE!!
