Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES PRESENTA BATALLA ANTE O LÍDER PERO NON LLE CHEGA PARA ACADAR A VITORIA

Enlace Do Partido: (CM) Bm Culleredo Despreocúpate.es - Disalmo Luceros

O BM.Culleredo Despreocúpate.es e o Disalmo Luceros ofreceron un espectáculo balonmanístico vibrante na tarde do pasado Sábado. O polideportivo de Almeiras foi marco dunha disputa entre líder e segundo clasificado da liga Ouro cadete que atraeu a atención de moito público ao recinto municipal. Desde o comezo púidose palpar o moito que había en xogo por parte de ambos os conxuntos cando se asoman os equipos á recta final dun campionato ligueiro que está a ser moi igualado e disputado. O partido comezou parello, con vantaxes mínimas dos visitantes que se ampliaron superado o ecuador, obrigando ao técnico local a solicitar o seu primeiro tempo morto (7-12 minuto 20). O BM.Culleredo Despreocúpate.es, reaccionaría entón da mellor forma, conseguindo un parcial incontestable (6-1) para colocar a igualada a falta de catro minutos para o descanso (13-13). Acto seguido, un definitivo 3-1 facía posible a remontada e os cullerdenses tocaban teito para irse a vestiarios dominando por 16-14. Na continuación os do Morrazo subiron a súa intensidade defensiva, provocando erros no ataque rival para tomar novamente as rendas pola mínima (21-22), entrando nuns vinte minutos de igualdade absoluta e diferenzas pírricas. No tramo final, un erro de recepción e o consecuente contraataque terminaría por deixar ao equipo de Culleredo en inferioridade, unha desigualdade numérica que ao producirse nese instante tan delicado terminaría por ser importante no devir do encontro. As aparicións finais de Xabi e Mateo no 1x1 serían claves para que o seu equipo ampliase a diferenza ata os catro goles, unha diferenza que xa sería definitiva ao non ter tempo material os cullerdenses para reducila. O BM.Culleredo Despreocupate.es baixa desta forma por primeira vez na tempada ata a terceira praza, aínda que empatado a puntos co Bueu. Tanto Cisne como Lalín se sitúan na persecución a dous puntos dos cullerdenses, abrindo un escenario repleto de incerteza nas últimas catro xornadas onde varios dos equipos implicados nesta parte alta da clasificación teranse que enfrontar entre eles.

Bm Culleredo Despreocúpate.es: 32 (16+16). Mateo Basanta (P), Xurxo Méndez (P), Martín Casal, Mauro Fdez, Antón Rodríguez, Isaac Lorenzo, Javier Orge, Teo Gómez, Alex Soto, Alexis Martínez, Iván Gantes, Guillermo Blanco, Jacobo Soto, Beltrán González-Camino.

Disalmo Luceros: 36 (14+22). Marcos Cordeiro, Adrián Mallo, Mateo Rosales, Sergio Costas, Saul Paredes, Simón Hernández, Iván Freire, Xabier Gallego, Beltrán González, Andrés Peixoto, Mateo Lago, Telmo Mille, Luis Lagoa, Jorge Varela, Salvador Vidal, Isidro García.

Parciais cada 5´: 3-3 / 5-6 / 6-9 / 7-11 / 12-13 / 16-14 / Descanso / 18-16 / 21-22 / 25-26 / 28-29 / 30-32 / 32-36.

Colexiados: Martina Regueiro e Uxía Mariño.

Incidencias: Partido correspondente á 14ª xornada da Liga Ouro disputado nun polideportivo de Almeiras cheo ata as bancadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *