
O Remax Riazor tiña un exame o domingo ante un rival complicado que está a loitar polo título ligueiro. Pero iso ás nosas non lles importaba, e saíron a competir sen prexuízos. Moi bo inicio a nivel competitivo do Remax Riazor, que conseguiu reverter a pasividade defensiva dos últimos encontros nunha defensa con máis carácter e, sobre todo, concentración.
Tras 15 minutos de xogo, onde as defensas abertas formuladas por parte dos dous equipos estaban a dominar sobre as fases ofensivas, o resultado era de 6-8. Gran traballo do Remax Riazor a nivel defensivo, xerando moita densidade na zona de balón, o que propiciaba erros forzados do equipo rival. Unha mágoa os últimos 10 minutos da primeira metade, onde as nosas non estiveron acertadas na creación de xogo en ataque para poder romper a defensa rival. Dinámica que si aproveitou o Carballal, que se foi ao descanso cunha vantaxe de 6 goles.
Resultado ao descanso: BM Culleredo Remax Riazor 7 - A.D. Carballal 13
Na segunda metade, o Remax Riazor non estivo atinado nos lanzamentos, o que propiciou que a renda se ampliase a prol do equipo visitante, que estaba a xogar moi tácticamente, con transformacións da primeira liña, pero ante unha defensa local que respondeu con corrección. As nosas miniguerreiras, pese á diferenza no marcador, non se renderon e, con moito pundonor, continuaron xogando case ao límite das súas posibilidades. Iso reflectíase na pista e potenciaba ao equipo local para rematar o encontro con folgos e actitude ata o pitido final.
Resultado final: BM Culleredo Remax Riazor 14 - A.D. Carballal 30
Máis alá do resultado final, o equipo volveu demostrar que o verdadeiro triunfo está no camiño percorrido. Nas últimas semanas, o traballo constante nos adestramentos, o compromiso innegociable de cada xogadora e unha actitude sempre positiva foron mudando a dinámica do grupo. O equipo gaña en confianza e iso notarase nos próximos encontros. Noraboa!
Bm Culleredo Remax Riazor: Aldara Allegue , Sofia Calvo, Candela Tizón, Sabela Lamas, Olivia Pan , Andrea Muñoz, Aroa Bestilleiro, Salma Martinez,Sofia Orge, Uxia Seoane, Lucia Peña, Martina Villaverde, Paula Gándara.
A.D Carballal: Sofía Perez, Lara Alvarez, Nerea Graña, Daniela Carreira, Mara Seijas, Daniela Vázquez, Candela Nuñez, Maria lpez, Aroa Alonso.
Árbitros: Andre Pena y Daniel González
Incidencias: Xornada 13 da liga de ouro infantil femenina disputado no pavillón municipal de Almeiras, Culleredo
