
O BM.Culleredo Despreocúpate.es completou o peor partido do ano e a punto estivo de hipotecar o seu futuro na competición. Os cullerdenses necesitaban a vitoria para seguir o ronsel do líder e ao mesmo tempo conseguir vantaxe sobre os seus inmediatos perseguidores, pero o equipo mostrou unha cara indolente impropia do moito que xogaba, poñendo en serio perigo os dous puntos en xogo. O partido foi insulso, sen ritmo, cunha posta en escena de ambos os conxuntos sen disciplina táctica e con escasos argumentos colectivos. O BM.Culleredo Despreocúpate.es arrincaba coas primeiras diferenzas no marcador grazas ás facilidades que ofrecían os olívicos, pero o equipo non mostraba fiabilidade en ningunha das fases do xogo. Na retagarda, a falta de contundencia e colaboración entre postos regalaba situacións francas ao contrario. Perdíanse as posicións de marcaxe, a basculación era deficitaria, o traballo de pernas carecía de ritmo e o posicionamento era plano e con falta de profundidade ante a primeira liña olívica. En ataque arranxábase lixeiramente o desaguisado grazas á escasa achega da portería visitante e o equipo tomaba o camiño dos vestiarios no tempo de descanso cunha vantaxe de cinco goles (19-14). Na continuación a cara dos cullerdenses terminaría por empeorar e a punto estaría por botar por terra o obxectivo da tempada. Facíase moi evidente que o problema era actitudinal e o contaxio ía incrementándose co paso dos minutos. Erros non forzados sen sentido aparente sumábanse en transicións e no posicional, aumentando a frustración dun equipo que incomprensiblemente non reaccionaba. As alarmas acendíanse cando a falta dun minuto o BM.Reconquista reducía a diferenza a tan só un gol (33-32) e houbo que acudir a un último ataque agónico para que estes dous importantes puntos quedasen en Culleredo. A diferenza entre o segundo e penúltimo clasificado separados por quince puntos antes do envite non fora manifesta en absoluto, mesmo conseguindo os visitantes un parcial gañador nos derradeiros trinta minutos (15-18).
O encontro debe de servir como patrón de aprendizaxe nestas dúas semanas de parón para tomar conciencia do sucedido, adestrar con máis esforzo e dedicación e con iso poder afrontar dentro de tres fins de semana o envite máis duro e esixente ante o líder.
Bm Culleredo Despreocúpate.es: 34 (19+15). Mateo Basanta (P), Xurxo Méndez (P), Javier Orge, Martín Casal, Aarón Beade, Mauro Fdez, Antón Rodríguez, Isaac Lorenzo, Teo Gómez, Alex Soto, Alexis Martínez, Iván Gantes, Guillermo Blanco, Jacobo Soto.
BM.Reconquista De Vigo: 32 (14+18). Xian Álvarez, Hugo Fdez, Mario Martínez, Javier Fdez, Jacobo Lamas, Diego Collazo, Anxo Rodríguez, Luis García, Samuel Iglesias, Anxo Montilla.
Parciais cada 5´: 5-3 / 8-5 / 10-7 / 13-10 / 15-12 / 19-14 / Descanso / 23-17 / 26-21 / 27-23 / 28-26 / 31-29 / 34-32.
Colexiados: André Pena.
Incidencias: Partido correspondente á 13ª xornada da Liga Ouro disputado no pavillón de Tarrío.
