
O BM.Culleredo Ares y Fuertes sacou adiante o partido da 13ª xornada da liga Ouro infantil masculino ante o BM.Porriño, recuperando desta forma a cuarta praza pero deixando moitas dúbidas e lagoas no seu xogo. O partido ante o último clasificado foi moito máis sufrido do previsto e nin a distancia entre os dous conxuntos na clasificación nin a diferenza de puntos habida entre ambos notáronse no 40x20 do municipal de Tarrío. Os cullerdenses, aínda que sempre por diante, non foron capaces en ningún momento de romper o partido e tiveron que traballar ata o último suspiro para facerse con dous puntos que os manteñen en postos de Final Four. As intencións no aspecto defensivo melloraron lixeiramente con respecto a encontros anteriores, aínda que se alternaron momentos intensos cun alto ritmo de pernas con outros máis pasivos e faltos de concentración. Especialmente sufríase ás costas cando os xogadores visitantes actuaban con bo criterio sen balón. Paralelamente, nos momentos que a retagarda traballaba a disuasión e esforzábase en pechar as liñas de pase, o equipo conseguía forzar erros do contrario e perdas de balón que daban lugar a rápidos contragolpes. A conta pendente establecíase no posicional, onde a primeira liña, excesivamente estática, non ofrecía respostas sen balón. Isto derivaba nun xogo anárquico, predicible, con ningunha continuidade da pelota e por tanto sen velocidade na circulación, hipotecando o xogo colectivo e facilitando a marcaxe e as axudas dos opoñentes. A diferenza ao descanso sería clave (17-14), xa que no segundo tempo os algarismos oscilarían entre eses tres e catro goles que manterían certa tranquilidade e marxe para os intereses do BM.Culleredo. Finalmente e nas últimas accións do partido, os locais conseguirían a máxima do encontro para instalarse no cuarto posto da táboa, gañando tempo para mellorar nestas dúas semanas de parón co obxectivo de afrontar as próximas xornadas con maiores opcións.
Bm Culleredo Ares y Fuertes: 32 (17+15). Ian Lois (P), Jorge García Serantes (P), Marco Sesar, Leo Cobas, Mauro López, Nico González, Darío Barambio, Pablo Cacheiro, Hugo Fariña, Mario Prada, Aitor Fariña, Jorge García García, Iván Bregua.
Balonmano Porriño A: 25 (13+12) Lucas, Samuel, Pedro Holguera, Hugo Sotelino, Daniel Aguilera, Adrián Godoy, Mario López, Mateo Avendaño, José Manuel Estévez, Mateo Carrera, André Pena, Roi Martínez, Izan Sequeiros.
Árbitra: André Pena.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 13ª da Liga Ouro infantil masculina disputado no municipal de Tarrío.
