Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO ATOPA DIFICULTADES NO SEU ATAQUE E CEDE ANTE O BUEU ATL BM

(SM) BM Culleredo - Bueu Atlético Balonmán

O BM.Culleredo non se atopou en ningún momento coa súa mellor versión e cedeu os dous puntos ante o Bueu Atl Balonmán. A tarde comezaba xa cun revés e é que o encontro, se tiña que trasladar de Tarrío a Almeiras debido ás pingueiras que presentaba o municipal e que facían imposible a práctica de calquera actividade deportiva. O Bueu, que chegaba por detrás na clasificación a dous puntos dos cullerdenses, dominou o marcador dende os inicios e acabou por impoñerse para igualar na táboa co seu rival e saír gañador en canto ao golaverage. Foi un duro golpe para o BM.Culleredo que tivo, especialmente no posicional e no primeiro acto, un día aciago de cara a portería contraria. O partido non continuaría coa liña marcada polos enfrontamentos entre estes dous equipos, sempre vistosos, dinámicos e cun gran compoñente táctico. Nesta ocasión o envite comezaría marcado polos erros e a espesura de ambos os conxuntos, e debido a iso, o electrónico reflectía un paupérrimo 7-7 cando se levaban disputados vinte e cinco minutos. O 1-4 de parcial no último tramo con varios erros dos locáis, sería clave para o devir da segunda parte. O BM.Culleredo sufría pola inoperancia no ataque, principalmente debido á falta de sentido táctico no xogo. A primeira liña estrelábase unha e outra vez cara á zona central dos buenenses e pechaba os espazos ante a falta da verticalidade que conlevase a unha fixación óptima en cada unha das accións. Ante a falta de ideas para penetrar o férreo 6:0 visitante, as dificultades facíanse maiores debido ás baixas de xogadores de primeira liña, especialmente as daqueles lanzadores que puidesen desarticular o armazón da retagarda rival. Os tres goles de vantaxe ao descanso foron suficientes para que o Bueu ATL.Balonmán administrase a mesma de forma intelixente e trasladara as présas aos de Culleredo. Estes, que conseguían achegarse a dous goles a falta de nove minutos para soñar coa remontada (21-23), desperdiciaban a boa onda con varios erros consecutivos en apenas tres minutos, encaixando un 0-3 (21-26) que deixaba o partido en mans do conxunto do Morrazo. A diferenza finalmente sería de catro goles (26-30), superando desta maneira o Bueu o gol de vantaxe que conseguira o BM.Culleredo na primeira volta (31-32).

BM. Culleredo: 26 (8+18). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Adrián Díaz (2), Marcos Regueiro (1), Alejo Martínez, Carlos Costa, Iago Ferreiro (3), Mario Crecente (6), Iván Sánchez (1), Marco García (1), Xoán Canedo (5), Pedro Pereira (1), Nuno Loxo (2), Juan Pereira (3), Adrián Veira (1), Darío Pérez.

Bueu Atl. Balonmán: 30 (11+19). Julio José Ferreiro (P), Martín Cadilla (P), Pablo Gándara (2), Diego Lluque, Roque Arias (6), Raúl Dios, Pedro Fdez Couto-Goicoechea (3), Diego Pérez (5), Jose Camiña, Vicente Enrique Domínguez (2), Sergio Munín, Samuel Seijas (3), Rubén Augusto (3), Asier Cerqueira (1), Adrián Suárez (5).

Parciales cada 5 ́: 0-2 / 2-4 / 4-5 / 5-6 / 7-7 / 8-11 / Descanso / 11-14 / 14-16 / 16-20 / 20-22 / 22-26 / 26-30 / Final.

Colexiados: Jonathan Hinojosa e Gabriel Folgoso.

Incidencias: Encontro correspondente a xornada nº20 do grupo A de 1ª nacional. Partido disputado nun polideportivo de Almeiras cheo hasta os topes e presenza de siareiros de ambos os conxuntos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *