
Enlace Do Partido: (SM) BM Culleredo - Valinox Novás
Dificultade máxima a que se atopou o BM.Culleredo no día de onte. Á tarefa certamente complicada e esixente que anunciaba a visita do Valinox Novás, líder invicto e incontestable da categoría, engadíase o infortunio que arrasa ao equipo nas últimas semanas e que foi sumando baixas dunha forma vertixinosa. Así, no día de onte, o conxunto cullerdense contaba ata con cinco xogadores importantes fora da convocatoria por lesións ou problemas médicos. Outros dos convocados, acudían á cita entre algodóns, con molestias ou recentemente saídos de afeccións de tipo vírico que os apartaban dos adestramentos semanais para preparar o encontro. Con este panorama, a empresa facíase aínda máis costa arriba, pero se algo destaca nesta tempada no seo do equipo, é ese espírito competitivo sexa cal sexa a situación. Nos prolegómenos, o club cullerdense lía un manifesto da Asociación Española contra o cancro para concienciar ante esta enfermidade e expresar e visibilizar o apoio ás persoas que o padecen e ás súas familias. Os xogadores e técnicos, tamén lucirían un brazalete verde neste encontro acompañando dito manifesto.
O BM.Culleredo comezaba o partido con boa vontade: boa intensidade, ritmo alto, dinamismo…pero a enorme calidade dos rosaleiros e o fondo de cadro de persoal, encargáronse pronto de rebaixar o descaro e ímpeto que prometían os locais nos primeiros compases. Tras uns primeiros dez minutos máis contidos (4-6), os visitantes adquirían unha diferenza cómoda de catro goles que non sería definitiva (7-11), pero que comezaba a abrir unha brecha que podía ser perigosa. A pesar de que o BM.Culleredo tentaba dar unha continuidade alta á pelota no posicional, os espazos acabábanse pechando debido á boa basculación defensiva e os contrabloqueos efectivos dunha retagarda rosaleira concentrada e realmente seria. A frustración empezaba a aparecer e con ela a precipitación, mala conselleira ante o líder que aproveitaba cada erro para poñer distancia polo medio nos últimos instantes do primeiro acto. Os contraataques aparecían letais e un parcial de 1-6 nos dez minutos finais deste primeiro tempo, rompía virtualmente o encontro ante a desesperación dos cullerdenses (8-17). O segundo tempo sería un mero trámite onde o partido se arrefriaría e o Valinox Novas terminaría por realizar varios cambios pensando en futuras citas. O BM.Culleredo iría minguando, asimilando a superioridade do seu rival e as dificultades ante a ausencia de rotación que ían incrementando a fatiga dos xogadores, limitando aínda máis a súa actuación. Para a semana, o equipo volverá exercer de local ante o Bueu Atl.Bm, esperando recuperar algún dos seus efectivos para volver á senda da vitoria ante o conxunto da península do Morrazo.
BM. Culleredo: 21 (8+13). Oscar Bello (P), Xoán Varela (P), Marco González (P), Carlos Costa (3), Martín Insua (1), Mario Crecente (6), Alejo Martínez, Adrián Veira, Marco García (1), Pedro Pereira (1), Darío Pérez, Iván Sánchez (3), Nuno Loxo (2), Adrián Díaz, Xoán Canedo (3), Marcos Regueiro (1).
Valinox Novás: 33 (17+16). Bruno Vázquez (4), Yago Santomé, Iago Flores (2), Xurxo Rivas (8), Pedro Augusto Teles (2), José Leiras (2), Rubén Fdez, Rubén López (2), Diego Prada (8), Hector Gil, Pablo Miana, Nicolás Portela (1), Ismael Gómez (1), Antón Fdez, Yasir Martínez (1), Martín Dávila (2).
Parciais cada 5 ́: 2-3 / 4-6 / 5-9 / 7-11 / 8-14 / 8-17 / Descanso / 10-20 / 12-21 / 16-22 / 17-27 / 19-30 / 21-33 / Final.
Colexiados: Martín Rodríguez y Diego Rivera.
Incidencias: 19ª xornada da temporada 2025/26 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no municipal de Tarrío ante afeccionados locales e unha representación ampla de siareiros desprazados dende o Rosal.
