Saltar ao contido

NOVA VITORIA DO BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES PARA MANTERSE COLÍDER

O BM.Culleredo Despreocúpate.es sacou adiante o seu partido fronte ao NV Cars Carballal e continúa colíder da clasificación á espera de enfrontarse a domicilio a próxima fin de semana ante o terceiro clasificado. Os cullerdenses tiveron que sufrir moito máis do esperado ante o último clasificado e non puideron resolver o envite ata os instantes finais. Desde e inicio do encontro o equipo mostrouse falto de actitude e intensidade, sufrindo en defensa ante os moitos espazos entre postos lindeiros e a falta de ritmo de pernas no traballo previo. Aínda que no posicional tampouco existía velocidade nin continuidade no balón, o equipo liquidaba as situacións pola calidade individual de Teo, que aportaba no lanzamento exterior. Con toda a primeira parte a remolque, o BM.Culleredo Despreocúpate.es sufría o indecible ante o 1x1 do central olívico e os lanzamentos exteriores do seu lateral esquerdo, que sostiñan a vantaxe do seu equipo para ratificar a sorpresa momentánea. Nas últimas accións do primeiro acto, os xogadores de Culleredo conseguirían igualar a contenda (18-18) e deste xeito, retirábanse a vestiarios no tempo de descanso coa intención de restablecer e mellorar as prestacións nos segundos trinta minutos. Na volta ao 40x20 de Almeiras, o BM.Culleredo Despreocúpate.es tardaría cinco minutos en voltear os algarismos (22-21), creando novas e mellores expectativas, pero a actuación defensiva non tería continuidade e cun 3-5 de parcial o Carballal volvería tomar a iniciativa (25-26). Sería entón cando a partir do minuto dez sucederíanse múltiples alternativas no marcador duns e outros e o partido entraría no seu maior momento de incerteza. O BM.Culleredo Despreocúpate.es conseguiría afrontar os últimos cinco minutos cunha mínima vantaxe (36-35) e isto sería definitivo ao cabo para obter certa marxe cando o tempo xa agonizaba. Un 4-2 final terminaría por acabar coas esperanzas do conxunto olívico que vía como despois dun bo partido e un esforzo titánico, escapábanlle os dous puntos en xogo.

Bm Culleredo Despreocúpate.es: 40 (18+22). Mateo Basanta (P), Xurxo Méndez (P), Martín Casal, Mauro Fdez, Antón Rodríguez,Teo Gómez, Alex Soto, Iván Gantes, Alexis Martínez, Guillermo Blanco, Javi Orge, Aarón Beade, Jacobo Soto.

NV CARS Carballal: 37 (18+19). Yoel Eiro, Xacobe Barros, Carlos Barciela, Axo Ogando, Artai Ogando, Adrián Lage, Luis Martínez, Mateo Barazal, Andrés Rodríguez, Denis Martínez, Gabriel Domínguez, Hugo Martínez.

Parciais cada 5´: 3-2 / 6-6 / 8-9 / 12-14 / 15-16 / 18-18 / Descanso / 22-21 / 25-26 / 31-30 / 32-33 / 36-35 / 40-37

Colexiados: Pablo Torreiro e Jorge Sánchez.

Incidencias: Partido correspondente á 11ª xornada da Liga Ouro cadete masculina. Partido disputado no pavillón municipal de Almeiras. Boa representación de siareiros de ambas afecións nas bancadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *