
Recibían este sábado os nosos rapaces do Óptica Gallaecia ao Liceo La Paz, equipo que nos gañaba con autoridade no anterior encontro e que chegaba como favorito.
Comezaba o encontro e víase que ía a ser moi diferente ao da ida, cun Óptica Gallaecia moi serio a nivel defensivo, conseguindo frealas acometidas rivais de forma contínua. Os nosos conseguían frealos puntos fortes dos visitantes, cun intenso traballo dos nosos exteriores para impedir que os visitantes xogasen as situacións de 2x2 nos carriles exteriores que sempre buscan para explotalo xogo sen balón dos seus laterais e os 1x1 sobre todo do seu desequilibrante extremo dereito.
A nivel ofensivo, un Óptica Gallaecia moi ordeado era quen de facer ataques largos ata atopar o erro defensivo visitante, chegando a situacións de lanzamento dende todas as zonas do campo. Con todo conseguíamos mantelo control do encontro en todo momento, dando a sensación de que a pesares da dificultade estábamos a ser superiores. Chegamos aos derradeiros minutos cun gol arriba e posesión para o Liceo, pero de novo conseguimos levar ao lanzador a unha situación pouco efectiva e conseguimos detelo lanzamento, podendo sair rápido ao ataque e cerralo encontro cun novo gol que facía que os do Liceo tivesen que arriscar máis, equivocándose e permitíndonos poñer os definitivos 3 goles de diferenza que nos daban unha merecida vitoria.
Un partido que ten que ser o claro exemplo do que cabe esperar deste equipo na segunda fase da competición!
Bm Culleredo Óptica Gallaecia: 20 (10+10) Ian, Óliver, Pedro, Nicolás Morís, Xabier Negreira, Mateo, Jorge, Leo, Adrián, Íker, Pablo, Nicolás Iglesias e Darío.
Colegio Liceo La Paz: 17 (11+6) Oriol, Víctor, Rubén, Pablo, Mateo, Alejandro, Lucas, Carla, Martín, Santiago e Borja.
Árbitro: Paula Peteiro.
Incidencias: Partido correspondente á 2ª xornada da segunda fase da Liga Prata infantil masculina.
