Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO INICIA O ANO CUNHA NOVA VITORIA

Enlace Do Partido: BM Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal - Balonmán Culleredo

Esta pasada fin de semana abríase o pano da 1ª nacional masculina despois do parón do Nadal, no que supoñería ademáis, o inicio da segunda volta do campionato. O BM.Culleredo visitaba a sempre difícil pista de Ribadavia, especialmente nesta ocasión, ante un equipo necesitado de puntos para saír da parte baixa da táboa clasificatoria. Despois dun período sen competir sempre se aveciña a dúbida no retorno dos equipos á rutina ligueira, pero os cullerdenses resolverían as mesmas nun segundo acto máis solvente. O primeiro tempo sería moito máis soporífero, con ambos os conxuntos tentando atopar o ritmo e as sensacións de facía unhas semanas e aínda que o BM.Culleredo dominaba durante a maior parte destes primeiros trinta minutos, non é menos certo que as diferenzas serían mínimas. A retagarda postulábase ofrecendo grandes espazos entre postos lindeiros e pecaba de falta de profundidade en zonas centrais ante os lanzamentos de Gayoso, que acometía con éxito as primeiras definicións en favor dos locais. A outra greta estaba no exterior da zona dereita, onde Pablo Martínez atopaba vía libre para terminar por erixirse máximo goleador do encontro. O ritmo era baixo e a transición non funcionaba salvo en situacións puntuais. No posicional, o abuso do ataque cara a zonas centrais facilitaba o empeño da defensa ribadaviense e todo iso derivaba en frecuentes altibaixos e unha igualdade predominante no cando se chegaba ao termo dos primeiros trinta minutos (12-12). O traballo visitante na continuación sería o que determinaría a superioridade e vitoria do BM.Culleredo, que cun 2-6 de parcial nos primeiros dez minutos, mostraban unha velocidade e dinamismo moito maior que no primeiro acto. A defensa, moito máis activa e contundente, sumaba axudas ás accións individuais e a transición no contraataque aparecía como arma principal para poñer marxe e diferenza no marcador. O BM.Culleredo facíase desde entón co control do partido, manexando o ritmo que máis lle conviña e logrando así unha vitoria que lles mantén preto dos postos ambiciosos da táboa.

BM. Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal: 26 (12+14). Iker Álvarez, Pablo Gayoso (6), Manuel Villalba (1), Juan Sotelo (1), Celso Ramón Sotelo (1), Pablo Martínez (9), Nicolás Vizcaya, Miguel Cortés, Javier Bernárdez (4), Nicolás Alberte, Mario Fdez (3), Samuel Fdez, Denis Lorenzo (1), Lois Rodríguez, Marcos Carlón, Rubén González.

BM. Culleredo: 33 (12+21). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Alejo Martínez (2), Pedro Pereira, Alejandro Gómez (4), Marcos Regueiro (3), Roi García, Iago Ferreiro (3), Iván Sánchez (5), Nico Casal (4), Marco García, Juan Pereira (1), Nuno Loxo (2), Adrián Díaz (1), Mario Crecente, Henrique Traba (8).

Parciais cada 5 ́: 2-3 / 4-4 / 5-5 / 7-8 / 8-10 / 12-12 / Descanso / 13-15 / 14-18 / 17-21 / 20-25 / 24-29 / 26-33 / Final.

Colexiados: Fermín Rodríguez e Pablo Sola.

Incidencias: 16ª Xornada da tempada 2025/26 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no municipal O Consello (Ribadavia) con boa afluencia de público.

Fotos do encontro:

https://photos.app.goo.gl/NDwKv3HU56P6dgdP8

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *