Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO CRISTALERÍA GESTAL INICIA A SEGUNDA FASE CUNHA VITORIA CONVINCENTE

O BM.Culleredo Cristalería Gestal iniciou a segunda fase da competición o pasado venres cun derbi ante o OAR Coruña 1952 e fíxoo da mellor forma posible, cunha vitoria convincente construída desde principio a fin a través dun traballo serio e disciplinado, especialmente no segundo acto. Os locais dominaron desde o inicio o encontro, aínda que no primeiro tempo as distancias nunca foron esaxeradas debido en parte a algúns erros non forzados. O 15-11 que reflectía o electrónico ao descanso clarificaba o camiño do BM.Culleredo, pero había que confirmalo na continuación. No segundo tempo o traballo melloraría en todas as fases en xogo e os algarismos comezarían a aumentar a favor dos cullerdenses, alcanzando unha diferenza máxima de dez goles. Na retagarda os axustes do avanzado pechando as súas costas ante os ataques dos laterais ao centro daba os seus froitos e no posicional, as transformacións da primeira liña ante o 5:1 visitante, desarbolaba unha e outra vez o armazón defensivo dos oaristas. Con todo iso, o BM.Culleredo Cristalería Gestal terminaría por conquistar os dous puntos en xogo para pechar o 2025 dunha maneira máis que positiva.

Bm Culleredo Cristalería Gestal29 (15+14). Fran Hermo (P), Xurxo Méndez (P), Javier Orge, Pablo Fraguela, Hugo Jiménez, Roi Palmeiro, Jacobo Soto, Samuel Costa, Guillermo Blanco, Beltrán González-Camino.

OAR Coruña 1952: 22 (11+11). Pablo Martínez, Martín Rodríguez, Antonio López, Iago Corada, Nestor Daniel Pérez, Marcos Freire, Manuel Antonio Bouzas, Asier González, Alexandre Díaz, Alejandro López, Raúl Suárez, Sergio Díaz, Izan Castro, Xoel Reimúndez, Pablo Varela.

Árbitros: Jorge Sánchez e Carlos Ortíz.

Incidencias: Partido correspondente á 1ª xornada da segunda fase (Grupo Norte) na Liga Prata cadete masculina. Encontro disputado no municipal de Almeiras con siareiros de ambos os conxuntos nas bancadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *