Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO PRETO DE DAR A BADALADA ANTE UN DOS FAVORITOS

Enlace Do Partido: Bm Lanzarote Ciudad de Arrecife- Balonman CULLEredo

Este pasado Sábado o BM.Culleredo desprazábase, nunha viaxe que comezaba de madrugada, a unha das illas afortunadas. Lanzarote era o destino e os locais, na segunda praza da clasificación, erixíanse como un dos favoritos do campionato e aspirante firme á fase de ascenso. De feito, o conxunto locatario chegaba á categoría este ano despois de competir a tempada pasada en DHP. Os cullerdenses nunha dinámica positiva e nun momento de confianza notable, marcábanse como obxectivo competir contra un equipo de semellante magnitude e que xa hai dous anos non tivo piedade dos galegos, superándoos por un contundente 44-22. Nesta ocasión, o transcorrer do envite sería moi distinto e os locais, con moitos dos xogadores daquel momento no seu plantel, sufriron de primeira man a mellora e o crecemento do BM.Culleredo, que tivo a batuta do encontro e o marcador nos primeiros quince minutos e que só sucumbíu por unha mínima diferenza ao termo dos sesenta. O BM.Culleredo comezaría como un ciclón, establecendo pronto un 0-3 no marcador e un 1-4 que obrigaba ao técnico local a solicitar o seu primeiro tempo morto. As consígnas desde o banco locatario non producirían efecto inmediato e os cullerdenses continuaban ao seu. O BM Lanzarote Ciudad de Arrecife atoparía o seu momento ao paso polo meridiano. O porteiro Saúl, máxima figura do seu equipo, detiña un penalti que podería supoñer o 4-8 para o BM.Culleredo e a partir de aí, un parcial de 1-7 poñería ao seu equipo por diante ao termo do primeiro tempo (11-8). Lonxe de darse por vencidos, o BM.Culleredo xogaría as súas cartas e mantería un pulso constante durante o segundo acto, conseguindo igualar a contenda a falta de dez minutos para o final (21-21). Os lanzaroteños respondían entón cun parcial de 3-0 que aclaraba moito o camiño á vitoria a falta de tres minutos (24.-21), pero o BM.Culleredo acudía a un plan "B" cun cambio defensivo a 5:1 para presionar e dificultar a circulación de balón dos locais. Con pouco máis dun minuto por xogar e un 26-22 parecía non haber posibilidade de reverter o marcador, pero o BM.Culleredo aínda sería capaz de recuperar tres balóns, dous para achegarse a dous goles e un que terminaría coa parada de Saúl Rodríguez, unha vez máis, nun 1x0 que daba definitivamente unha sufrida vitoria ao seu equipo. Gran partido polo tanto o que fixeron os xogadores do BM.Culleredo, que contaron durante moitísimos minutos cunha media de idade de dezanove anos na pista, plantando cara a todo un conxunto que chegaba dende a segunda categoría do balonmano nacional e se vislumbra como firme aspirante ao título de liga. O equipo macha ao parón do nadal cunha primeira volta fantástica, a mellor da súa historia da categoría onde no meridiano da competición, xa conseguíu dous puntos máis que en toda a liga da tempada pasada.

BM. Lanzarote Ciudad De Arrecife: 26 (11+15). Saúl Rodríguez (P), Francisco Javier Santana (P), Mauro Jaureguiberry (1), Rafael Robayna (5), Pedro Santiago Noda, Adrián Juárez (4), Pedro Mateus, Acoidan Martín Cejas (4), Abián Martín Gil (3), Javier Aragón (3), Santiago Enzo (2), Diego Ruiz, Aday González, Oscar Silva (3), Manuel Ángel Iglesias (1).

BM. Culleredo : 24 (8+16). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Darío Pérez, Nuno Loxo (3), Carlos Costa (2), Roi García (2), Marcos Regueiro (1), Alejandro Gómez (4), Iván Sánchez (1), Henrique Traba (4), Juan Pereira, Alejo Martínez (7).

Parciais cada 5´: 1-3 / 2-5 / 4-7 / 7-7 / 9-8 / 11-8 / Descanso / 13-12 / 19-15 / 20-17 / 21-20 / 23-21 / 26-24 / Final.

Colexiados: Gerardo Herrera e Diego Pastoriza.

Incidencias: Partido correspondente a 15ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado no pavillón municipal de Titerroy.

Fotos do encontro:

https://photos.app.goo.gl/4pnjsQB5yRKMu8Ww9

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *