
O Fisioterapia Benestar consegue rematar a primeira fase da Liga Prata Xuvenil Feminina como líder do seu grupo, a expensas da última xornada do grupo B, na que as nosas cullerdenses descansarán cos deberes feitos, sacando 4 puntos ao segundo clasificado.
Cunha vantaxe de 6 goles no encontro de ida, nesta xornada, a priori, xogábase o primeiro posto do grupo B entre o Fisioterapia Benestar e o Balonmán Sanxenxo.
No partido de ida xa falabamos da igualdade do encontro, e esperábase a mesma tónica nesta ocasión, aínda que pronto as nosas guerreiras impuxeron o seu dominio sobre a pista. O nivel defensivo foi o primeiro paso para frear o equipo visitante: as nosas, cunha moi boa dinámica defensiva, aplicando conceptos de disuasións e axudas, conseguiron recuperar balóns ou forzar lanzamentos en zonas pouco efectivas. A defensa 6:0 estaba a funcionar, aínda que o Sanxenxo conseguía anotar con lanzamentos dende os 9 metros.
No plantexamento ofensivo, as situacións de transición, chegando con moita forza, estaban a ser un auténtico quebradeiro de cabeza para o equipo visitante, e xa no ataque estático a fluidez de balón e a continuidade abrían espazos na defensa 6:0 que propoñía o Sanxenxo.
O dominio estaba nas mans do Fisioterapia Benestar, pero o equipo visitante non se rendía, e así chegariamos ao descanso cun resultado de:
BM Culleredo Fisioterapia Benestar 19 – BM Sanxenxo Mydic 16
Na segunda metade, o Fisioterapia Benestar aumentou o ritmo e estivo máis preciso no xogo colectivo, sempre moi disciplinado. O balón circulaba rápido e chegaba con precisión aos extremos, que con soltura solventaban as situacións de lanzamento 1x0.
O Fisioterapia Benestar aumentaba a renda no marcador a medida que pasaban os minutos, e isto pesaba non só nas pernas das xogadoras visitantes, que viñan moi xustas de efectivos, senón tamén a nivel psicolóxico. Nos últimos intres, o equipo cullerdense incrementou o dominio, intercalando as defensas 5:1 e 6:0 na segunda metade, para acadar un bo resultado e asegurar o liderado do grupo B, que lle dá acceso e aspiración a loitar polo título da Liga Prata por segundo ano consecutivo.
Resultado final:
BM Culleredo Fisioterapia Benestar 32 – BM Sanxenxo Mydic 29
Bo encontro das nosas xuvenís, que estiveron moi regulares. Non era un partido doado, pero a disciplina e, sobre todo, entender e asumir o rol de cada unha foron claves no encontro. Agora todo complícase: o nivel dos equipos rivais será maior, pero iso tamén é o que se busca. ¿Ata onde se pode chegar? Quizáis esta pregunta se responda co paso da tempada, pero ogallá se poida chegar o máis lonxe posible.
Para iso, xa esta semana seguiremos traballando, aínda que haberá descanso ligueiro para as nosas por mor do calendario e do parón do Nadal. Así que tamén haberá un respiro para as nosas xuvenís, que ben o merecen.
Bm Culleredo Fisioterapia Benestar:(19+18) Aldara Piñeiro, Claudia Regueiro, Lúa Fernandez, Antía Ferreño , Leire Barbeito,Paula Peteiro, Luana Gomez, Sara Fraga, Lola Romero , Daniela Perez,Carmela Erias y María Otero.
Bm Sanxenxo(16+13):Lúa Rodiño, Ainara Portela, Alexia Mosquera, Sabela Outón, Sara Vlad, Clara Fernandez, Manuela Padín, Yasmin El Kemah, Irene Torres, Aihona Outón
Parciais cada 5`: 3-1/6-3/11-7/11-10/15-13/19-16/21-19/16-22/18-23/31-23/32-25/32-29
Árbitro: Pabo Torreiro
Incidencias: Xornada 9 da liga prata xuvenil feminina do grupo B , disputada no pavillón municipal de Almeiras en Culleredo .
