
ENLACE DO PARTIDO: (SM) BM Culleredo - BM Porriño
Último partido do ano en casa para o BM.Culleredo, que suma unha nova e importante vitoria para consolidarse na zona media da táboa clasificatoria e mirar a obxectivos máis ambiciosos, xa que se sitúa a tres puntos do terceiro clasificado. Non foi o mellor partido dos cullerdenses, irregulares por momentos e con certos altibaixos ao longo dos sesenta minutos, pero sería suficiente para dominar o marcador ao longo de todo o envite e terminar por alcanzar o obxectivo da vitoria. No inicio, a consistencia defensiva non se vería acompañada do mesmo acerto na transición, sumando ata dez perdas sobrepasado o meridiano. Os do Porriño, aproveitaban os erros nos pases e as recepcións para que o conxunto local non ampliase de forma perigosa os algarismos e mantiña as súas opcións intactas cando se chegaba ao tempo de descanso (15-12). O partido navegaba polos mesmos derroteiros na continuación e, alternando momentos lúcidos con outros máis espesos, o BM.Culleredo non era capaz de pechar o encontro definitivamente. En fronte, o BM.Porriño resistíase a claudicar e, fiel ao seu espírito competitivo, mantíñase no partido á espera que puidese chegar o seu momento. Por sorte para os intereses dos de Culleredo, o tempo esgotábase e as esperanzas para o conxunto foráneo, se esfumaban ao non concretar as últimas accións en superioridade numérica. O BM.Culleredo, conseguía así dous puntos importantes para establecerse na sétima praza da táboa (empatados a puntos co sexto) e mirar cara a cotas máis altas á espera de pechar o ano en casa do segundo clasificado, o BM.Lanzarote Ciudad De Arrecife.
BM. Culleredo: 28 (15+13). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P) (1), Adrián Díaz, Mario Crecente (4), Nico Casal (2), Roi García (3), Xoán Canedo (1), Henrique Traba (6), Pedro Pereira, Alejandro Gómez (5), Iván Sánchez (2), Nuno Loxo (1), Marco García (1), Marcos Regueiro (1), Alejo Martínez, Juan Pereira (1).
BM.Porriño: 25 (12+13). Miguel Couñago, Saúl Candán(8), Iñigo Silva (3), Xosé Canedo (1), Fernando Mosquera, Jesús Maquieira (4), José Álvarez (1), Martín Rodríguez (2), Pablo Álvarez, David Costa, Eloy Molanes (1), Nahum Pérez (5), Yago Raimúndez.
Parciais cada 5 ́: 2-2 / 5-2 / 6-5 / 8-8 / 11-9 / 15-12 / Descanso / 18-15 / 20-18 / 23-20 / 25-21 / 26-22 / 28-25 / Final.
Colexiados: Jonathan Hinojosa e Gabriel Folgoso.
Incidencias: 1aª xornada no grupo "A" da 1ª nacional masculina. Partido disputado no polideportivo de Tarrío ante un centenar de siareiros.
Fotos Do Encontro:
