Saltar ao contido

PARTIDO SERIO E SOLVENTE DO BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES PARA SITUARSE NA SEGUNDA PRAZA

Partido completo do BM.Culleredo Despreocúpate.es de principio a fin para conquistar en solitario a segunda praza da clasificación. Era un encontro trampa para os cullerdenses, xa que, a pesar dos oito puntos que separaban a ambos os equipos, os olívicos levaban unha traxectoria moi seria con resultados igualados, mesmo ante os conxuntos con maior potencial da categoría. A baixa por lesión de Teo e as dúbidas de Alexis en canto ao que podería achegar debido a un traumatismo na cadeira, acrecentaban as alarmas e demandaban un paso á fronte de todo o grupo, que non debía de permitirse ningunha licenza. O equipo respondeu desde o primeiro minuto, sobre todo, expoñendo unha intensidade defensiva encomiable que desbarataba e pechaba as vías cara á portería defendida por Mateo Basanta. A velocidade nas transicións, organizadas a partir do éxito da retagarda, sumaban díxitos favorables no electrónico, que xa reflectía unha cómoda diferenza no paso polo minuto quince (13-6). A maquinaria dos cullerdenses estaba perfectamente engranada e o xogo fluía con soltura e dinamismo. No posicional, as transformacións do lateral habilitaban de forma recorrente espazos variados para a finalización e o BM.Culleredo Despreocúpate.es, disparábase ata os dez goles de vantaxe chegado o tempo de descanso (21-11). Nun segundo tempo no que a vantaxe daba virtualmente o encontro por sentenciado, o equipo terminaría por rebaixar un tanto o ritmo e limitaríase a soster calquera tipo de reacción do seu rival, dominando os tempos ao seu antollo para ampliar a vantaxe ata ese 43-27 final que chega co premio da segunda praza en solitario.

Bm Culleredo Despreocúpate.es: 43 (21+22). Mateo Basanta (P), Xurxo Méndez (P), Javi Orge, Mauro Fdez, Antón Rodríguez, Isaac Lorenzo, Teo Gómez, Martín Casal, Alex Soto, Alexis Martínez, Iván Gantes, Guillermo Blanco, Jacobo Soto.

Máis Que Auga Seis Do Nadal-Coia: 27 (11+16). Pablo Martín, Mario Ledo, André González, André Valls, Roi Castañón, Santiago Fandiño, Gonzalo Pombo, Guillermo Sierra, Adrián Alonso, Iago Kamp, Roque Pombal, Cayetano Costas, Iago Cabada.

Parciais cada 5 ́: 4-1 / 8-4 / 13-6 / 14-9 / 17-10 / 21-11 / Descanso / 24-13 / 29-16 / 33-21 / 36-23 / 42-26 / 43-27.

Colexiados: Nicolás Núñez e José López.

Incidencias: Partido correspondente a 8ª xornada da Liga Ouro. Encontro disputado no polideportivo de Almeiras cheo de seguidores de ambos os conxuntos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *