Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO NON SE ATOPA A SI MESMO E CAE ANTE O GRANITOS IBÉRICOS CARBALLAL

Enlace Do Partido: 1ªNACIONAL GRANITOS IBERICOS VS BM CULLEREDO

Comezaba mal a xornada para o BM.Culleredo en Vigo e é que na súa chegada ao pavillón de Carballal, a climatoloxía galega non permitía o desenvolvemento do encontro debido á condensación que presentaba o 40x20 do polideportivo olívico. Coma se dun presaxio tratásese, os cullerdenses recibían a noticia do primeiro revés e ambos os conxuntos trasladábanse ao pavillón de Candeán para empezar o envite corenta e cinco minutos máis tarde do previsto. Frío como a tarde, entraba o equipo cullerdense no envite e cando se deu conta, o seu rival xa dominaba o electrónico e establecía as primeiras vantaxes. O BM.Culleredo, estaba a mostrar unha cara moi diferente ás últimas xornadas e intuíaselle incómodo na pista, lonxe da fluidez e das boas sensacións que adoita transmitir o grupo. A defensa, excesivamente plana, sufría as primeiras acometidas dos laterais locais, que chegaban en carreira e perforaban con facilidade a portería defendida por Óscar sen ningún tipo de resistencia. Posteriormente, sería a conexión da primeira liña olívica co pivote a que sumaría máis problemas a unha retagarda desorientada, establecéndose unha máxima renda de catro goles para o conxunto do barrio de Carballal (12-8). O ataque non funcionaba moito mellor, lonxe do plan de partido e da idea de xogo colectiva instaurada, que sumado ás perdas de balón e a falta eficacia no lanzamento, deixaba un déficit de menos cinco ao termo dos primeiros trinta minutos (15-10). Entraba o conxunto cullerdense na continuación coa vontade de emendar o visto no primeiro acto, pero o equipo seguía sen atoparse, sumido nunha irregularidade onde se alternaban momentos algo máis lúcidos con outros de lagoas importantes. Un deses momentos nos que se abriría unha luz á esperanza, sería a partir das sucesivas recuperacións que se conseguirían desde o cambio defensivo a 5:1. Era un momento crucial, xa que o BM.Culleredo lograría reducir a diferenza a tan só dous goles alá polo paso do minuto corenta. Abríase entón un novo partido por resolver, pero a inconsistencia no xogo que o conxunto cullerdense exhibía hoxe, faría que todo quedase nun espellismo momentáneo e que o Granitos Ibéricos Carballal resolvese en poucos minutos, voltanto á cómoda diferenza de catro goles e superando, deste xeito, o seu momento máis crítico. As posibilidades de remontada terminarían por esfumarse nese mesmo instante, o BM.Culleredo volvería cometer demasiados erros e fallos de lanzamento e os locais administraban de forma sobresaiente a vantaxe en relación co tempo que quedaba. A conexión co pivote volvía facer moito dano á zaga cullerdense e o Granitos Ibéricos terminaban por rematar a faena e conseguir os dous puntos para, desta forma, romper a igualdade que reinaba entre os dous equipos na táboa clasificatoria.

Granitos Ibéricos Carballal: 30 (15+15). Diego Rodríguez (8), Iago García (6), Pablo Vilaboa, Xoel Martínez (4), Daniel López (4), Diego Otero, Gonzalo Arenas, Samuel Barciela, Xoel Malfaz, Jorge Navarro (1), Rodrigo Mouco (1), Guillermo Rial (5), Jonathan Patiño, Alejandro Fdez (1).

BM. Culleredo: 29 (16+13). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Adrián Díaz (2), Adrián Veira, Carlos Costa (2), Roi García, Xoán Canedo (8), Henrique Traba (2), Pedro Pereira (1), Iago Ferreiro (1), Iván Sánchez (4), Nuno Loxo, Marco García (1), Marcos Regueiro (1), Alejo Martínez, Juan Pereira (2).

Parciais cada 5 ́: 2-1 / 4-3 / 8-6 / 12-8 / 14-8 / 15-10 / Descanso / 18-13 / 20-16 / 23-19 / 25-20 / 28-22 / 30-24 / Final.

Colexiados: Abel Juncal e Ángel Mateos.

Incidencias: 13ª xornada no grupo "A" da 1ª nacional masculina. Partido disputado no polideportivo de Candeán (Vigo) ante cento cincoenta siareiros.

Fotos Do Encontro:

https://photos.app.goo.gl/RZVeJXoNPqcMyCc9A

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *