Saltar ao contido

GRAN TRIUNFO DO BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES EN LALÍN, QUE LLE LEVA AOS POSTOS DE PRIVILEXIO

Enlace Do Partido: Librería Dalvi Bm Lalín Vs Bm Culleredo

O BM.Culleredo Despreocúpate.es, visitaba o pasado venres Lalín, nun encontro correspondente a xornada nº 7 que fora aprazado o anterior fin de semana. O partido a domicilio presentábase de máxima dificultade, xa que os dezáns chegaban ao envite segundos na clasificación e invictos. Os cullerdenses, situados xustamente un posto por detrás a tan só dous puntos, aspiraban a facerse ca vitoria e dar alcance a seu rival, a par de non desconectarse do primeiro posto, dominado actualmente polo Disalmo Luceros de Cangas. Pronto se puido ver a boa entrada do BM.Culleredo no partido, facéndose forte desde o seu 6:0 defensivo e atacando o 5:1 local con clarividencia e disciplina táctica, conseguindo, rápidamente, unha cómoda vantaxe que oscilaba entre os catro e cinco goles. O traballo nos primeiros trinta minutos, sería sobresaiente e moi completo en todas as fases do xogo, constatando unha superioridade moi evidente a través do resultado que reflectía o electrónico no tempo de descanso (11-20). Esperábase unha reacción por parte dos locais na continuación e facíase indispensable manter a concentración e o bo traballo defensivo para frear e evitar posibles sorpresas. Nos primeiros quince minutos do segundo tempo, o BM.Culleredo Despreocúpate.es continuaría mantendo a distancia nos algarismos, pero o xogo entraba nun ida e volta que castigaba a unha retagarda que estaba a dar sinais de debilidade. Sería entón cando cun parcial de 7-3, o conxunto dezán achegábase perigosamente ata catro goles (29-33), desatando a confianza dun sorpaso a dez minutos do final. As dúbidas afloraban agora no equipo de Culleredo, que estaba a pasar o seu peor momento na recta final do partido. Os ataques tornábanse sen ritmo, cos xogadores excesivamente estáticos, medorentos do erro e a defensa sufría, excesivamente plana, a verticalidade dos laterais locatarios nos carrís 1-2. Foron a penas uns minutos de vórtice local, pero parecía unha eternidade para os de Culleredo, que acabarían por recuperarse para pausar e controlar os minutos finais e levarse esta vitoria tan importantes que colocan ao equipo a dous puntos do líder.

Librería Dalvi BM.Lalín: 35 (11+24). Joel Noche, José Enrique Portas, Manuel Montoto, Enzo Novoa, Xabier Salgueiro, Izan Otero, Xoel Ríos, Marco González, Izan Sánchez, Manuel García, Eloy González, Pablo Bahamonde.

Bm Culleredo Despreocúpate.es: 39 (20+19). Mateo Basanta (P), Xurxo Méndez (P), Javi Orge, Mauro Fdez, Antón Rodríguez, Isaac Lorenzo, Teo Gómez, Martín Casal, Alex Soto, Alexis Martínez, Iván Gantes, Guillermo Blanco, Jacobo Soto.

Parciais cada 5 ́: 3-5 / 4-8 / 6-11 / 7-14 / 10-18 / 11-20 / Descanso / 16-24 / 18-27 / 22-30 / 29-33 / 32-36 / 35-39.

Colexiados: Martín Rodríguez Tesouro e Martín Rodríguez Cudeiro.

Incidencias: Partido correspondente a 7ª xornada da Liga Ouro. Encontro disputado no pavillón Lalín Arena cun centenar de seguidores de ambos os conxuntos nas bancadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *