
Enlace Do Partido: Disclín Balonmán Lalín - Balonmán Culleredo
O BM.Culleredo, abónase á vitoria e consegue un triunfo importantísimo en Lalín, que lles achega a tan só dous puntos da quinta praza. Foi un partido dominado no marcador polos cullerdenses, pero con altibaixos no xogo e moitas imprecisións en momentos craves do encontro. O comezo, de feito, foi un tanto caótico por parte de ambos os conxuntos, sumando erros de forma recorrente e levándonos a un pírrico 1-0 no minuto cinco. O BM.Culleredo, tomaría a dianteira despois de sucesivos empates e colocábase por diante no marcador a partir do dez do primeiro acto (4-6). A diferenza oscilaría entre estes dous goles e os catro de máxima, alternando sempre momentos lúcidos con outros máis espesos e irregulares. En calquera caso, o equipo de Culleredo retirábase a vestiarios no tempo de descanso con vantaxe (10-12) e todo quedaba por dilucidarse na continuación. Sería un segundo tempo competido, co BM.Culleredo amagando en varias ocasións con romper o partido, pero un novísimo conxunto local cun excelso nivel combativo, non o permitía. O tramo final sería especialmente tenso e vibrante a partes iguais, xa que cando parecía todo sentenciado a menos de cinco minutos para o final (22-27), o conxunto dezán conseguía un parcial de 4-1 e reduciría a tan só dous goles a distancia (26-28), con pouco máis de tres minutos por xogar. A pesar da presión exercida polos xogadores de Lalín, o BM.Culleredo conseguiría manter a calma para superar esa defensa individual e facerse cun triunfo que dá tranquilidade e esperanza para futuros encontros.
Disiclín BM.Lalín: 27 (10+17). Luis Martínez (1), Ramón Gil (11), Adrián Crespo (2), Manuel Souto (2), Luis Rozas (1), Martín Vázquez (2), Carmelo Couso (1), Miguel López (3), Xosé Cuiña, Iago González, Xoán Otero, Xoel Rodríguez, Adrián Ferradas, Breixo Pereira, Mateo López (2), Víctor Hidalgo (2).
BM.Culleredo: 32 (12+20). Marco González (P), Oscar Bello (P) (1), Carlos Costa (2), Juan Pereira (5), Alejandro Gómez (7), Marcos Regueiro (3), Pedro Pereira (5), Mario Crecente (1), Iago Ferreiro, Iván Sánchez (4), Adrián Díaz, Henrique Traba (3), Nuno Loxo, Xoán Canedo, Alejo Martínez (1), Roi García.
Parciais cada 5´: 1-0 / 3-3 / 4-6 / 6-9 / 8-11 / 10-12 / Descanso / 11-15 / 13-17 / 16-20 / 19-23 / 22-26 / 27-32 / Final.
Colexiados: Jonathan Hinojosa e Gabriel Folgoso.
Incidencias: Xornada nº 11 en primeira nacional (Grupo "A"). Partido disputado no pavillón Lalín Arena, con bo ambiente nas bancadas e representación de siareiros cullerdenses.
Fotos Do Partido:
