
O BM.Culleredo Despreocúpate.es, completou o seu mellor partido no que vai de Liga Ouro e derrotou con solvencia ao Cisne Colegio Los Sauces, un dos conxuntos chamados a loitar polo campionato galego. Os cullerdenses, desarbolaron por completo e desde o inicio ao seu rival, minimizando as innumerables virtudes dos xogadores cineistas e dominando todas e cada unha das fases do xogo. O bo facer defensivo, apoiado na solidariedade entre todos os compoñentes da retagarda, marcaría a senda dun triunfo moi meritorio, non só pola importancia dos dous puntos, senón tamén polo cómo e a contundencia, tanto no marcador como no xogo. Os instantes iniciais foron minutos de tenteo entre ambos os conxuntos, pero a partir da igualada no cinco (3-3), o BM.Culleredo Despreocúpate.es faríase cos mandos do envite e xa non os soltaría. A diferenza iríase facendo cada vez máis grande co paso dos minutos e os de Culleredo chegarían ao tempo de descanso cun 19-11 moi esperanzador. Na continuación, o Cisne acudiría a un plan B para tentar acurtar a brecha e voltear o marcador, posicionados agora nun 5:1 profundo que daría bos resultados provisionalmente. A diferenza reducíase a seis goles e o partido entraba nunha certa tolemia e descontrol que os locais debían de frear. Foi cuestión de tempo que os xogadores do BM.Culleredo adaptásense á nova defensa e, funcionando de forma continua e notable na súa retagarda, recuperasen a vantaxe e ampliásena finalmente co encontro xa roto e o seu rival entregado. Vitoria que deixa inmellorables sensacións para visitar a pista do segundo clasificado dentro de sete días. Un partido de poder a poder no que, en caso de vitoria, o BM.Culleredo Despreocúpate.es, conquistará a segunda praza que agora está en poder do Librería Dalvi BM.Lalín.
Bm Culleredo Despreocúpate.es: 40 (19+21). Mateo Basanta (P), Xurxo Méndez (P), Javi Orge, Mauro Fdez, Antón Rodríguez, Isaac Lorenzo, Teo Gómez, Alex Soto, Alexis Martínez, Iván Gantes, Guillermo Blanco, Aarón Beade.
Cisne Colegio Los Sauces: 27 (11+16). Manuel García, Bruno Gómez, Jorge Porto, Martín Montes, Gael Fdez, Nicolás Montoya, Luis Montoya, Marco Quintáns, Pedro Novás, Brais Rodríguez, Iago Adelaide, Leo Bernal, Guillermo Candeira, Sergio Carballo, Mateo Rodríguez, Ignacio Maceiras.
Parciais cada 5´: 3-3 / 7-4 / 11-7 / 13-8 / 16-9 / 19-11 / Descanso / 22-14 / 24-17 / 26-19 / 30-22 / 36-25 / 40-27.
Colexiados: Martina Regueiro e Daniel González.
Incidencias: Partido correspondente á 6ª xornada da Liga Ouro disputado no polideportivo de Almeiras. Boa entrada cas gradas abarrotadas dun público que vibrou cun partido apaixoante.
