
SM - BM Reconquista de Vigo vs Bm Culleredo
O BM.Culleredo, desperdiciou unha oportunidade de ouro no municipal das Travesas para alzarse ata a sétima posición da táboa e afastarse un pouco máis dos seus perseguidores. O conxunto cullerdense, dominou o marcador do encontro durante cincuenta minutos, pero non soubo afrontar a recta final do mesmo e acabou cedendo os dous puntos coa clara sensación de perder unha ocasión idónea para saír vitoriosos. O inicio do partido, tivo no BM.Culleredo ese claro dominador, atopando solucións exitosas fronte á portería contraria con ideas moi claras no posicional e cunha solvencia moi evidente. Na retagarda, en cambio, funcionábase de forma irregular, alternando situacións positivas con erros claros. Con todo, a achega de Óscar en portería estaba a ser destacada, pechando as vías de lanzamento dos xogadores locais. A medida que avanzaba o envite, o BM.Culleredo aumentaba as súas prestacións, ata conseguir unha diferenza máxima de cinco goles. O partido estaba envorcado claramente a favor do conxunto visitante, ata que entón apareceron os cinco minutos de barullo nos que os olívicos conseguirían un parcial de 3-0 para apertar de novo a contenda. Os últimos instantes do primeiro acto, derivaron nunha tolemia desatada sen dono, que remataría no tempo de descanso cun marcador favorable por 16-18 para os de Culleredo. Na continuación, as dinámicas cambiarían e a solvencia que mostrara ata entón o conxunto cullerdense, diluíase co paso dos minutos. O equipo resentíase, xa que a retagarda mantíñase pouco efectiva, pecando de falta de contundencia nos contactos e de efectividade nas axudas. André De Moura, tomaba a batuta en continuas accións de 1x1 que a defensa visitante non era capaz de frear, excesivamente brandos na marcaxe. A frustración ante a igualada no minuto 45 iría en aumento, entrando nun bucle sen retorno na fase defensiva e a atacante. O BM.Culleredo, observaba con impotencia como se lle escapaba unha vitoria que parecía ter na man.
BM.Reconquista De Vigo: 33 (16+17). Juan Novás, Eber Dacosta, Hector Rodríguez (1), Miguel Pousa, Yeray Simes, Ignacio Costas (3), Alejandro Gómez, Manuel Hernández (8), Daniel Arcila, Nicolás Fdez, Alberto Hernández (3), Manuel Rodríguez (3), André De Moura (10), Roberto Castro (3), Daniel Rodríguez, Alex Rey (2).
BM.Culleredo: 30 (18+12). Hugo Díaz (P), Oscar Bello (P) (1), Carlos Costa (2), Juan Pereira, Alejandro Gómez (4), Marcos Regueiro (5), Pedro Pereira (3), Mario Crecente (3), Iago Ferreiro (3), Iván Sánchez (1), Nico Casal, Henrique Traba (2), Nuno Loxo (3), Darío Pérez, Alejo Martínez (3), Roi García.
Parciais cada 5´: 3-3 / 4-6 / 6-9 / 8-11 / 13-15 / 16-18 / Descanso / 19-21 / 22-23 / 25-25 / 27-27 / 30-28 / 33-30 / Final.
Colexiados: Carlos Manuel Alonso e Marta González.
Incidencias: Xornada nº 9 en primeira nacional (Grupo "A"). Partido disputado no municipal das Travesas, en Vigo, con bo ambiente nas bancadas e representación numerosa de xente desprazada dende Culleredo.
