
(SM) BM Culleredo - Automanía Luceros
O BM.Culleredo, continua a súa progresión competitiva semana a semana e despois de dúas derrotas consecutivas, conseguíu un importante triunfo ante o seu público para establecerse na parte nobre da táboa clasificatoria. Tras un comezo inaceptable, sen ritmo defensivo e cun ataque soporífero e predicible, os cullerdenses víanse abocados a entregar o partido ao seu rival se este panorama se estendese no tempo. O Automanía Luceros, tampouco aproveitaba a situación e sumábase á escasa vistosidade do envite con excesiva lentitude no posicional e unha inoperancia evidente na retagarda. O contexto, conducíanos a case un gol por minuto de ambos os conxuntos e unhas táboas no dez que auguraban un marcador avultado (8-8). por sorte, a cara dos locais cambiaría lixeiramente a partir do meridiano do primeiro acto, despois dun primeiro tempo morto e o cambio dos efectivos da primeira liña. O bloque defensivo, comezaría entón a ter un maior ritmo de pernas, a contactar cos lanzadores rivais e realizar un traballo nas axudas que comezaba a ser efectivo. Os éxitos nesta parcela, convertíanse en rápidas e perigosas transicións e todo iso, confluía para que na fase de ataque existise un contaxio positivo e a circulación fose moito máis fluída e dinámica. Conseguía entón, o BM.Culleredo, unha primeira renda de dous goles, aínda que o conxunto do Morrazo reaccionaría con Iago Iglesias á cabeza para volver igualar a contenda a falta de cinco minutos para o descanso (14-14). Coa mínima vantaxe dos cullerdenses ao final dos primeiros trinta minutos, retirábanse os equipos a vestiarios á espera de afrontar o segundo asalto (16-15). O BM.Culleredo, volvería entón ao 40x20 para expoñer os seus mellores minutos, recuperando os dous goles de diferenza nos primeiros cinco (19-17) e dando un golpe importante no seguinte parcial cun 3-0 que aumentaba a distancia a unha cómoda vantaxe de cinco goles (22-17). Quedaban por xogar vinte minutos e os cullerdenses xa se apropiaran do partido. Apoiados na regularidade defensiva, coa axuda da achega de Óscar en portería e cun ataque lúcido e eficaz neses instantes, o BM.Culleredo pasaría a dominar o encontro sen abafos, facéndose dono do ritmo que máis lle interesaba e sendo clarividentes e prácticos para rematar a faena sumando os dous importantes puntos en xogo.
BM.Culleredo: 33 (16+17). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Carlos Costa, Mario Crecente (6), Henrique Traba (6), Josemi Martínez, Iago Ferreiro (1), Iván Sánchez (4), Pedro Pereira, Marco García (1), Nuno Loxo (6), Xoán Canedo (3), Marcos Regueiro (2), Roi García, Alejo Martínez (3), Juan Pereira (1).
Automanía Luceros: 29 (13+27). Javier Fdez (P), Mateo Pallas (P), Eloy Pérez, Xurxo Otero, Iago Fonseca (4), Carlos Menduiña (1), José Miguel Cid (1), Alexandre Gallego (4), Rahim Walid, Martín Fuentes (5), Iago Iglesias (9), Christian Ferradás (1), Salvador Montes, Dmitrije Doder, Pablo Giráldez, Juan Rodríguez (4).
Parciais cada 5´: 5-5 / 8-8 / 8-10 / 13-11 / 14-14 / 16-15 / Descanso / 19-17 / 22-17 / 25-21 / 27-23 / 29-25 / 33-29 / Final.
Colexiados: Jonathan Hinojosa e Gabriel Folgoso.
Incidencias: 8ª xornada no grupo "A" da 1ª nacional masculina. Partido disputado no pavillón municipal de Tarrío con un centenar de siareiros nas bancadas.
