
NV CARS CARBALLAL - CULLEREDO CADETE LIGA ORO
O BM.Culleredo Despreocúpate.es, suma a súa segunda vitoria consecutiva na liga Ouro cadete masculina despois doutros tantos encontros disputados. Neste caso e a domicilio, sacou adiante con seriedade e paciencia un difícil compromiso na sempre complicada pista do BM.Carballal. Os cullerdenses souberon manter un ritmo regular ao longo dos sesenta minutos e sobrepoñerse aos instantes onde a defensa non funcionaba da maneira desexada. Con cambios defensivos constantes, buscando reaxustar a retagarda nos erros de profundidade ou basculación e movéndose entre a sistemática 6:0 e 5.1, os cullerdenses dominaban o envite, aínda que non serían capaces de romper definitivamente o mesmo ata o segundo acto. Con todo, o equipo mostrou a suficiente madurez como para continuar afinando e reaxustando as zonas onde se cometían os fallos co paso dos minutos, sen descompoñerse e sempre confiando nas súas posibilidades. No ataque posicional e a pesar dalgunha definición deficiente no 1x0, os xogadores do BM.Culleredo Despreocúpate.es non estaban a atopar dificultades para lograr os espazos efectivos cara ao gol. Así se chegaba cun axustado 16-18 ao termo dos primeiros trinta minutos e con todo por decidir no segundo tempo.
Co paso dos minutos, intuíase importante a rotación e aí, sería vital, para manter o ritmo, o maior fondo de banco dos cullerdenses. Así e a medida que avanzaba o crono, o BM.Culleredo Despreocúpate.es íase facendo máis dominador do partido, atopándose sempre por diante no marcador e establecendo unha diferenza de seis goles a falta de dez minutos, que parecía ía ser definitiva. O equipo de Culleredo mantíñase no punto álxido e o seu rival acusaba a fatiga, cedendo o ritmo aos cullerdenses, que agora tiñan o control absoluto, tanto no marcador como no xogo. O tramo final, afrontaríase por tanto dunha maneira apracible, e terminaríase por ratificar a vitoria e sumar dous novos e importantes puntos na clasificación.
NV CARS Carballal: 29 (16+13). Yoel Eiro, Xacobe Barros, Carlos Barciela, Andrés Vila, Artai Ogando, Adrián Lage, Luis Martínez, Nuno Méndez, Mateo Barazal, Andrés Rodríguez, Denis Martínez, Gabriel Domínguez, Hugo Martínez.
Bm Culleredo Despreocúpate.es: 37 (18+19). Mateo Basanta (P), Xurxo Méndez (P), Martín Casal, Mauro Fdez, Antón Rodríguez, Isaac Lorenzo, Teo Gómez, Alex Soto, Iván Gantes, Alexis Martínez, Guillermo Blanco, Javi Orge, Aarón Beade, Jacobo Soto.
Parciais cada 5´: 1-3 / 4-7 / 8-8 / 11-11 / 13-14 / 16-18 / Descanso / 19-21 / 22-25 / 25-28 / 27-33 / 28-35 / 29-37
Colexiados: Catarina Adao e MartaGonzález.
Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada da Liga Ouro cadete masculina. Partido disputado no pavillón municipal de Carballal. Boa representación de siareiros de ambas afecións nas bancadas.
