Saltar ao contido

VITORIA DE PRESTIXIO DO BM.CULLEREDO EN BUEU

Bueu vs BM Culleredo | Streaming Partido 1ª Nacional Masculina

O BM.Culleredo, conseguíu dous importantísimos puntos nunha das pistas máis difíciles da competición ligueira, a cancha do Bueu ATL.BM. Tratábase da segunda saída consecutiva dos cullerdenses, desexosos de volver á senda da vitoria, aínda que sabedores do complicado da tarefa ante un dos conxuntos que mellor balonmán realizan neste grupo "A" da primeira nacional. Non foi o encontro máis vistoso disputado entre estes dous equipos, lonxe do xogo dinámico e veloz ao que nos teñen afeitos, pero por contra, a igualdade elevada ao seu máximo expoñente, deparou un envite vibrante e repleto de incerteza ata o asubío final. As defensas non estiveron contundentes en ningunha das dúas áreas e no caso do BM.Culleredo, o equipo adoecía unha e outra vez de falta de profundidade na zona central. Os xogadores descontábanse en zonas exteriores, sufrían os cortes do pivote local por detrás e no 1x1, as axudas eran inexistentes dada a separación entre postos lindeiros. O marcador ao descanso (19-21), reflectía perfectamente a inoperancia de ambas as retaguardas e parecía un punto en común que solucionar para uns e outros cara a obter os dous puntos en xogo. No ataque posicional, a continuidade no xogo era moi pobre e o abuso do bote excesivo, pero tanto os lanzamentos foráneos como as accións individuais de 1x1, conseguían o seu propósito ante a falta de contundencia defensiva. Neste mesmo contexto, comezaba a enfilarse a reanudación, que acabaría por distinguirse de todo o anterior por unha maior eficacia da portería, especialmente da do BM.Culleredo. Con menos de dez minutos por xogar, os visitantes alcanzaban unha renda que achandaba moito o camiño (27-30), pero entón, chegarían tres erros de vulto que diluían toda vantaxe en pouco máis de dous minutos (30-30). Os cullerdenses, que non estaban a realizar o mellor xogo posible, sí amosaban un caracter competitivo sublime, aferrándose a unha crenza que non desexaban deixar escapar. O último minuto sería clave unha vez máis e se hai quince días saía cruz ante o conxunto insular do Galdar, nesta ocasión, o último gol de Carlos desde o extremo e o erro dos buenenses no ataque final con 15" por xogar, facía posible o que antes do encontro parecía unha quimera: que o BM.Culleredo levase os dous puntos dunha das pistas máis complicadas desta 1ª nacional, descansando ao remate da xornada nunha tranquilizadora sétima praza.

Bueu Atl. Balonmán: 31 (19+12). Pablo Gándara, Diego Lluque, Roque Arias (1), Mario Oterino, Brais López (1), Diego Pérez (7), José López (6), Hugo Pérez, Jose Camiña, Martín Cadilla, Samuel Seijas (9), Rubén Augusto (5), Raul Dios, Marcos Martínez, Asier Cerqueira (1), Adrián Suárez (1).

BM. Culleredo: 32 (21+11). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Roi García (1), Marcos Regueiro (1), Alejo Martínez (2), Carlos Costa (1), Alejandro Gómez (5), Mario Crecente (3), Iván Sánchez (6), Marco García, Xoán Canedo (2), Pedro Pereira (1), Nuno Loxo (7), Juan Pereira (1), Henrique Traba (2), Darío Pérez.

Parciales cada 5 ́: 3-2 / 5-6 / 9-9 / 13-12 / 15-16 / 19-21 / Descanso / 21-22 / 24-23 / 26-27 / 27-28 / 28-30 / 31-32 / Final.

Colexiados: Miguel Costas y Adrián Allica.

Incidencias: Encontro correspondente a xornada nº5 do grupo A de 1ª nacional. Partido disputado nun pavillón Pablo Herbello de Bueu cheo hasta os topes e presenza de siareiros de ambos os conxuntos.

Fotos Do encontro:

https://photos.app.goo.gl/nCkZ2BdvMK8JUQeN9

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *