
Valinox Novás & BM Culleredo 4/10/25
O pasado sábado, o BM.Culleredo afrontaba o reto máis complicado do que vai de liga e é que os cullerdenses visitaban a pista do líder e principal favorito ao título, o Valinox Novás. Fieis ao seu inicio de competición, o BM.Culleredo sairía ao 40x20 do municipal do Rosal sen ningún complexo, mantendo o pulso ante un conxunto con moitas armas para superar os seus adversarios. Os locais avanzábanse no electrónico, pero o equipo de Culleredo non consentía que estes se despegasen, manténdose preto con ataques pacientes que buscaban a mellor opción de finalización. O Valinox Novás facía dano no contragolpe, mostrando ao BM.Culleredo que para conseguir dar un paso máis, deberían de axustar mellor o seu repregamento. Comezaban entón as rotacións, a propósito que o fondo de armario sería esencial para poder manter a cara ante o ritmo e o ímpeto que sempre propoñen os rosaleiros. Así, chegábase ao descanso cun 20-17 que mantiña ao BM.Culleredo en partido, mostrando unha confianza e un traballo digno de destacar ante as esixencias do rival.
No segundo acto, os locais acabarían por romper o partido, escapándose no electrónico e establecendo unha vantaxe que xa sería imposible de reducir por parte do conxunto cullerdense. O BM.Culleredo, continuaría na loita neses primeiros instantes, pero a partir do minuto 40 e cun 26-20 no marcador, o obxectivo facíase moi costa arriba. Acudíase entón ao plan B, onde os de Culleredo pasarían a xogar con sete e a apostar por unha defensa máis profunda na que puidesen forzar algún erro do seu opoñente. Non terminarían por funcionar ningunha das dúas opcións de forma regular, alternando accións positivas con erros que lastraban aínda máis as opcións reducir os algarismos. Con vento a favor, a experiencia dos xogadores locais sería clave para controlar o ritmo e os tempos ao seu antollo e, desta forma, terminar por levarse unha vitoria que os mantén de forma clara no liderato.
Valinox Novás: 39 (20+19). Bruno Vázquez (6), Yago Santomé, Iago Flores (4), Xurxo Rivas (5), Pedro Augusto Teles, Nicolás López, José Leiras (2), Rubén Fdez (3), Rubén López (1), Diego Prada (12), Hector Gil, Pablo Miana (1), Nicolás Portela (1), Martín Giráldez, Yasir Martínez (2), Martín Dávila (2).
BM. Culleredo: 27 (17+10). Oscar Bello (P), Xoán Varela (P), Nico Casal, Mario Crecente (3), Alejo Martínez (2), Juan Pereira (2), Alejandro Gómez (4), Marco García (2), Pedro Pereira (1), Iago Ferreiro (1), Henrique Traba, Iván Sánchez (4), Nuno Loxo (3), Adrián Díaz (1), Xoán Canedo (3), Marcos Regueiro (1).
Parciais cada 5 ́: 4-2 / 7-5 / 11-7 / 15-12 / 17-14 / 20-17 / Descanso / 23-19 / 26-20 / 30-21 / 32-25 / 35-26 / 39-27 / Final.
Colexiados: Julio Villanueva y Daniel Valdés.
Incidencias: 4ª xornada da temporada 2025/26 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado nun pavillón municipal do Rosal cheo ate a bandeira.
Fotos do encontro:
