
O pasado Sábado, o conxunto senior do BM.Culleredo desprazábase á localidade de Bueu para disputar un novo encontro preparatorio nesta pretemporada de 2025. O pavillón Pablo Herbello, converteríase nun lugar de reencontros entre Samuel Seijas e os seus antigos compañeiros. O canteirán do BM.Culleredo, disputaría o primeiro encontro lonxe das filas do seu antigo club e fronte aos que hai poucos meses eran os seus compañeiros de equipo. O BM.Culleredo, acudía á cita con ata seis baixas, debidas a temas laborais e lesións de pouca gravidade e o lugar destes xogadores, ocuparíano aqueles que durante a tempada estarán en dinámica do equipo de nacional desde o filial BM.Arteixo. Era por tanto un bo momento para examinarse e para facer probas de fronte ao comezo da liga regular dentro de tres semanas. O partido comezaría cunha marcha máis dos de Culleredo, que entraban no mesmo pola porta grande cun incontestable parcial (1-6). Os locais tardarían algo máis en activarse, pero aos dez minutos, despois dalgunhas imprecisións cometidas polo BM.Culleredo, conseguían poñer as táboas no marcador (7-7). A partir deste instante, a igualdade instauraríase no 40x20, con diferenzas mínimas que deixarían todo por resolver para a segunda parte. Os primeiros trinta minutos, cun balonmán dinámico e vistoso para o espectador, como sempre que se enfrontan estes dous conxuntos, terminaría cuns algarismos altos, debido aos moitos ataques e ao xogo veloz que ambos propoñen (19-18). Na continuación, volvería a presentarse algo mellor o BM.Culleredo, que tardaría dez minutos en tomar de novo a dianteira (21-22). O ataque estaba a ser fluído e eficaz e o equipo estaba a atopar solucións grazas á disciplina táctica e ao sentido colectivo do xogo. O partido entraba na recta máis entretida debido á incerteza do resultado e á igualdade reinante. Eran momentos de loita de poder a poder, uns para manter unha vantaxe mínima pero de inmenso valor e outros, para reverter a situación. Foron instantes moi meritorios para o BM.Culleredo, que soubo reducir ou aguantar as moitas e distintas variacións e posibilidades de ataque dos de Bueu a pesar das probas nalgunhas fases do xogo con xogadores en posicións menos habituais. O éxito defensivo cun par de balóns recuperados nos últimos instantes, foron claves para establecer unha diferenza de dous goles a falta de cinco minutos e mantela no tempo ata o asubío final. Un paso máis na preparación do equipo, que afronta as próximas semanas coa ilusión de seguir crecendo no seu modelo de xogo, reforzado por unha vitoria sempre importante ante un conxunto de enxunlla como o de Bueu, a pesares de estar en pretemporada.
Bueu Atl. Balonmán: 36 (19+17). Julio Ferreiro, Pablo Gándara (3), Diego Lluque (1), Roque Arias (2), Mario Oterino, Brais López (2), Diego Pérez (10), Pedro Fdez-Couto (6), Hugo Pérez, Jose Camiña (2), Samuel Seijas (2), Rubén Augusto (4), Raul Dios, Asier Cerqueira (3), Adrián Suárez (1).
BM.Culleredo: 38 (18+20). Marco González (P), Oscar Bello (P), Roi García (6), Marcos Regueiro (3), Alejo Martínez (2), Carlos Costa (2), Alejandro Gómez (4), Adrián Veira (3), Iván Sánchez (4), Iago Ferreiro (6), Nico Casal (1), Pedro Pereira (2), Nuno Loxo (3), Josemi Martínez (2).
Parciais cada 5´: 1-6 / 7-7 / 9-10 / 13-12 / 16-15 / 19-18 / Descanso / 21-19 / 21-22 / 26-26 / 29-29 / 32-34 / 36-38 / Final.
Colexiados: Martín Rodríguez e Diego Rivera.
Incidencias: Encontro amistoso de pretemporada. Partido disputado no pavillón Pablo Herbello de Bueu, con boa entrada e afecionados de ambos os conxuntos presentes nas bancadas.
Fotos do encontro: https://photos.app.goo.gl/fgzKP4EHF1589qn29
