
O BM.Culleredo, desprazábase o pasado sábado 9 de Agosto a Puebla de Sanabria para disputar o "II Torneo de Balonmán Puebla De Sanabria". Tras comezar a pretemporada o Luns 4 de Agosto, os cullerdenses afrontaban por tanto o primeiro test desta nova campaña e facíano ante un equipo profesional de moito nivel co ascenso de categoría como obxectivo prioritario. Especialmente interesantes foron os primeiros quince minutos, onde o BM.Culleredo impuxo un alto ritmo de xogo, sorprendendo para ben a todos aos alí presentes pola brillante posta en escena ante un rival de tamaña envergadura. Ben é certo que eses instantes iniciais, deron paso a unha serie de imprecisións máis propias da altura de preparación á que nos atopamos, aproveitadas polo conxunto local para romper o partido e conseguir unha diferenza importante ao termo dos primeiros trinta minutos (7-15). Os 7 goles de 25 lanzamentos, castigaron especialmente ao equipo de Culleredo, que unidos ás perdas de balón, ofreceron demasiadas facilidades a un conxunto local, xa de por se cun nivel superior. A segunda parte foi similar aos últimos minutos da primeira, engadindo incluso unha dificultade maior á retagarda de Culleredo a medida que avanzaban os minutos e as pernas xa non estaban tan frescas. Os defensores sufrían ante o potencial no 1x1 da primeira liña zamorana e xa non existía intensidade e intencionalidade inicial nas axudas. En definitiva, un bo test para comezar a calibrar e a crear o modelo de xogo e os automatismos e que ofrece unha idea clara e a gran marxe de mellora na finalización e os erros non forzados. Destacar tamén o debut doutro xuvenil, neste caso de primeiro ano. Hugo Bregua, extremo dereito, tivo unha moi boa actuación con un gol, duas recuperacións de balón e outras tantas faltas en ataque forzadas.
BM.Zamora 34 (15+19) - BM.Culleredo: 20 (7+13).
Por parte do BM.Culleredo, viaxaron e disputaron este primeiro encontro:
Oscar Bello e Marcos González como porteiros. Pedro pereira, Marco García, Alex Gómez, Iago Ferreiro, Iván Sánchez, Nuno Loxo e Roi García como primeira liñas. Adrián Díaz, Marcos Regueiro, Mario Crecente, Alejo Martínez, Nicolás Casal e Hugo Bregua como segundas líñas.
Fotos do encontro:
