
O BM.Culleredo Despreocúpate.es, pechou o exercicio 2024/25 cunha nova vitoria na Copa Federación, rematando, desta forma, líder no grupo 1 Norte desta competición. Con todo, o conxunto cullerdense, completaría un dos peores encontros da tempada, adoecendo dunha falta de intensidade e actitude evidente, que levaría ao equipo a cometer gran cantidade de erros nas diferentes fases do xogo e numerosos fallos de lanzamento ante a portería rival. O BM.Línea 21 Reformas Coruña S.L 2021, a pesar de xogar toda a tempada na liga Prata, presentouse no 40x20 do municipal de Almeiras con moita máis determinación para competir que o seu rival e acabaría sendo mellor ao longo dos sesenta minutos, mostrando unha orde e rigor táctico maior. O BM.Culleredo Despreocúpate.es, dominaría no marcador durante todo o envite, aínda que con diferenzas que non superarían os seis goles e acabaría impoñéndose polo seu maior poderío físico, pero cunha pobre proposta a nivel de xogo. A retagarda do conxunto de Culleredo, comezaría encaixando catro goles nos primeiros catro ataques e durante boa parte do primeiro acto, non conseguiría sumar dous defensas consecutivas. O cambio defensivo a 5:1, ofrecería un resultado positivo momentáneo e o conxunto local conseguía chegar ao tempo de descanso cunha cómoda vantaxe (21-15). Aínda que sen grandes alardes, parecía que o equipo culminara os primeiros trinta minutos indo de menos a máis e, por tanto, esperábase unha mellor versión no segundo acto. Reiniciábase o encontro despois do tempo de asueto e pronto se difuminarían as altas expectativas, xa que O BM.Culleredo Despreocúpate.es, caía unha e outra vez en erros graves, perdendo as costas ante os seus opoñentes e mostrándose moi febles nas situacións de 1x1, así como faltos na cadea de axudas. No xogo 2x2 entre os laterais e o pivote, os visitantes sacaban tallada ante a maior intensidade do xogador situado na liña á hora de gañar a posición e de efectuar os bloqueos. Non ía mellor a cousa nas transicións nin no posicional, acumulando perdas de balón e erros no lanzamento en situacións excesivamente arriscadas, mostrando un xogo individualizado e anárquico, carente de rigor e disciplina táctica. O BM.Línea 21, acabaría por conseguir un parcial gañador neste segundo tempo (22-24), pero os locais lograrían facerse co triunfo por un marcador de 43-39 grazas a aqueles seis goles de diferenza despois dos primeiros trinta minutos.
BM.Culleredo Despreocúpate.es: 43 (21+22). Hugo García (P), Jorge Amor (P), Jairo Candamio, Alexis Martínez, Lucas Faraldo, Alejandro Soto, Martín Casal, Teo Gómez, Isaac Lorenzo, Mauro Fernánez, Hugo Bermúdez, Xoán Canedo, Iván Gantes, Diego Rodríguez, Hugo Bregua, Adrián Aneiros.
BM.Línea 21 Reformas Coruña S.L 2021: 39 (15+24). Gabriel Gascoy, Mateo Curto, Hugo Aneiros, Aitor Vidal, Brais Garrido, Nuno García, Iago Muiño, Jacobo Mariño, Alejandro Vilariño, Manuel Caamaño, Marko Valcarce, Malick Costoya, Darío Gómez.
Colexiados: André pena e Hugo Bello.
Incidencias: Encontro correspondente á derradeira xornada da Copa Federación cadete masculina e último encontro oficial da tempada 2024/25. Partido disputado nun polideportivo de Almeiras cas bancadas cheas de siereiuros de ambos os conxuntos.