
Bueu vs Culleredo | Streaming Partido 1ª Nacional Masculina
O Bueu Atl, Balonmán e o BM.Culleredo, ofreceron o pasado sábado un marabilloso espectáculo para os amantes do balonmán. Foi dentro do marco da xornada número 27 da primeira Nacional masculina (Grupo B) no pavillón Pablo Herbello. Os dous conxuntos propuxeron un encontro vertixinoso, onde o dinamismo en todas as fases do xogo, a velocidade e a rapidez da circulación de balón, ofreceron un envite vibrante e vistoso para as abarrotadas bancadas do municipal buenense. Ambos os equipos, xenerosos no esforzo e sen deixar nin unha pinga de sacrificio no vestiario, saíron ao 40x20 sen dar tregua ao seu rival, nunha loita encarnizada por impoñerse con dous modelos similares. As alternativas no marcador sucederíanse ao longo dos primeiros trinta minutos, ata que un gol de Manu López, elevaría a igualdade á súa máxima expresión cando certificaba as táboas a poucos segundos do final deste primeiro acto (17-17). No segundo tempo, as defensas tornábanse máis intensas e, polo tanto, os ataques atopaban maior grao de dificultade á hora de mostrarse resolutivos. A igualdade predominaba, as vantaxes eran mínimas por parte duns e doutros e non sería ata o último tramo cando, o bergantiñán Julio Ferreiro, con dez minutos pletóricos en portería, marcaría as diferenzas para que o seu equipo adquirise unha vantaxe de tres goles que ao cabo decantaría o encontro cara ao bando local.
O BM.Culleredo, que terá que perseverar nas próximas xornadas para conseguir o punto necesario que certifique matematicamente a permanencia, deixa por tanto unha excelente imaxe ao competir cara a cara cun rival que ocupa os postos altos da táboa e que aínda posúe opcións para chegar a esa segunda praza que dá acceso á fase de ascenso. Os cullerdenses saen deste encontro con sensacións moi positivas para afrontar o próximo derbi contra o Xiria de Carballo e a evidencia da enorme evolución do equipo, deposita moita confianza este grupo de xogadores.
Bueu Atl. Balonmán: 36 (17+19). Dani Fdez (P), Julio Ferreiro (P), Pablo Gándara (3), Mauro Bacelar, David Iglesias, Diego Lluque (2), Roque Arias, Brais López (4), José López (10), Andrés Bacelar (5), Martiño Castro, Vicente Domínguez (2), Rubén Augusto Gallego (2), Eloy Malvido (4), Adrián Suárez (4).
BM.Culleredo: 32 (17+15). Jorge López (P), Oscar Bello (P) (1), Nico Pérez (2), Marcos Regueiro (2), Alejo Martínez (1), Manuel López (2), Alejandro Gómez (3), Mario Crecente (7), Iván Sánchez (1), Iago Ferreiro (1), Mario Bento, Nico Casal, Marco García, Samuel Seijas (6), Nuno Loxo (2), Adrián Díaz (4).
Parciais cada 5´: 4-4 / 7-9 / 10-9 / 11-10 / 14-12 / 17-17 / Descanso / 21-20 / 23-24 / 25-24 / 29-26 / 33-28 / 36-32 / Final.
Colexiados: Pedro Burgos e Javier Madruga.
Incidencias: 27ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no pavillón Pablo Herbello de Bueu, con gran presencia de afeccionados nunhas bancadas cheas. Presenza de seguidores do BM.Culleredo e comportamento exemplar de ambas as afeccións.
Fotos do encontro:
