Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO REMAX RIAZOR, RECOLLE O PREMIO QUE O ACREDITA COMO CAMPIÓN GALEGO

Esta pasada fin de semana, celebrábase no pavillón de Carballal (Vigo) a Final Four da categoría xuvenil masculina e feminina. Tratábase do primeiro evento destas características na tempada 2024/25, unha auténtica festa do balonmán organizada pola Federación Galega De Balonmán. Foron dous días de ilusión competitiva por parte dos equipos participantes e de puro ambiente de balonmán coas bancadas cheas dos afeccionados dos oito clubs participantes. En liza, o premio gordo, unha praza para disputar o próximo Campionato De España da categoría. Na tarde do Domingo, disputaríanse as finais, tanto en masculino como en feminino, de onde saíron os últimos dous equipos galegos que representarán á nosa autonomía no concerto nacional. En xuvenil feminino, a SAR Rodavigo de Redondela acompañará ao Escayolas Miguel Santos Cangas, as campioas galegas, xa clasificadas ao conseguir o título ligueiro. Na categoría masculina, o afortunado campión desta final Four, sería o Autocaravanas Van & Fun A.D.Carballal, que se sumará ao BM.Culleredo Remax Riazor, brillante Campión Galego e que conseguiría praza na liga regular de forma incontestable ao liderar de principio a fin a categoría sen ceder unha soa derrota. Despois da disputa das finais, chegaría o momento da entrega de premios, un recoñecemento ao labor destes xogadores, técnicos, familias e, en definitiva, a todos os que compoñen os clubs participantes e, de forma especial aos que fan posible que o BM.Culleredo continúe o seu crecemento en número de licenzas federativas e na calidade dos seus participantes. O BM.Culleredo Remax Riazor, acudía por tanto á cita para recoller esa medalla tan merecida que os acredita como flamantes campións galegos e recibir o aplauso e o recoñecemento de todos os alí presentes que representan ao balonmán galego. Un máis que merecido homenaxe ao labor desta gran xeración que non se baixou do podium desde que se subise a el na categoría infantil. Agora queda un reto maiúsculo por diante, que non é outro que conseguir na primeira fase do Campionato De España, billete, como campión da mesma, para o TOP 8 nacional, un obxectivo ambicioso para pechar o círculo como empezou dunha xeración de ensoño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *