Saltar ao contido

O SALUME COCINAS REALIZA UN MOI MAL PARTIDO E VENCE POLA MÍNIMA

(CM) Bm Culleredo Salume Cocinas - Xestaservi Bm Cañiza

Despois dunha segunda volta fantástica do BM.Culleredo Salume Cocinas na liga Prata, o equipo enfrontábase nesta Ocasión ao Xestaservi BM.Cañiza. A dinámica na que chegaban a este encontro os cullerdenses era moi positiva, contando por vitorias todos os partidos disputados neste segundo tramo de tempada e alcanzando esa meritoria terceira praza do seu grupo. A cita enfrontaríaos este pasado Sábado ao conxunto da Cañiza, que ocuparía o mesmo lugar que os de Culleredo no Grupo C, no que sería por tanto, un duelo directo entre os dous terceiros. Nesta ocasión, o envite defraudaría totalmente e resultaría soporífero, con dous equipos ofrecendo un xogo pobre, baseado unicamente en accións individuais e sumidos ambos nun ritmo lento e anodino. O BM.Culleredo Salume Cocinas, mostraría unha cara indigna, sen actitude, indolente en todas as fases do xogo e desesperante na parcela defensiva. O equipo conseguiría unha vantaxe máxima de cinco goles apelando a unha maior calidade individual que se intuía, pero sen indicios do xogo táctico colectivo que se esixe. Co paso dos minutos, nin o cambio defensivo nin os tempos mortos daría o efecto desexado e o BM. Salume Cocinas durmiría nos loureiros, aproveitando o seu rival para reducir o marcador á mínima expresión no tempo de descanso (22-21). Un resultado que ben podía reflectir o electrónico ao final de calquera partido e que evidenciaba a inoperancia de ambas as defensas.
Non habería ningún cambio positivo na continuación e o encontro continuaría perdendo fol, insulso para o espectador, mantendo tan só a atención pola incerteza do marcador final ante a falta de firmeza no xogo, sen ningún dominador claro. Un triunfo que levaría o BM.Culleredo, como ben podería ser o conxunto visitante, nun partido para aprender, esquecer e pasar páxina.

Bm Culleredo Salume Cocinas: 40 (22+18). Mateo Basanta (P), Hugo Nodar (P), Iago Bolaños (P), Iván Gantes, Martín Casal, Alex Soto, Teo Gómez, Jacobo García, Antón Rodríguez, Isaac Lorenzo, Mauro Fdez, Guille Blanco, Pablo Penelas.

Xestaservi BM.Cañiza: 39 (21+18). Pablo Domínguez, Izan Riberio, Daniel Domínguez, Gabriel Domínguez, Sergio Costas, Iker Ribeiro, Rodrigo Teijeira, Lois Domínguez, Ismael Dahan, Roi Álvarez.

Parciais cada 5´: 5-4 / 9-7 / 12-9 / 18-13 / 21-17 / 22-21 / Descanso / 24-22 / 27-25 / 29-29 / 33-32 / 36-36 / 40-39 / Final.

Árbitros: Daniel Gon´zalez e Jorge Sánchez.

Incidencias: Partido correspondente á segunda fase grupo 3 (Postos 7º a 9º), xornada 3. Encontro disputado no pavillón de Almeiras con afeccionados de ambos os conxuntos nas bancadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *